O
persoal técnico da Estación Fitopatolóxica aconsella aplicar tratamentos nas
maceiras e nos kiwis
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA) vén de advertir no seu aviso fitosanitario de hoxe venres da entrada
nun período de maior risco de mildio nas viñas da provincia. O persoal técnico
subliña que será preciso extremar ao máximo a vixilancia e renovar as intervencións
nos viñedos onde xa se detectara a mancha e nos que está próximo a concluír o
período de protección.
A técnica responsable dos
avisos fitosanitarios, Rosa Pérez, subliña que sempre convén confirmar a
situación particular de cada finca porque pode haber diferencias locais, pero
destaca que nesta semana apenas se notou avance no desenvolvemento dos viñedos,
que teñen unha vexetación bastante contida.
En canto ao mildio, Pérez
destaca que se observaron as primeiras manchas de aceite en fincas
especialmente abrigadas e sensibles. De feito, en dúas das xa tratadas
apareceron novos síntomas en folla polo que incide na importancia de verificar
que os tratamentos cumpriron o seu obxectivo.
De cara aos próximos días, con
precipitacións e unha lixeira subida de temperaturas éntrase nun período de
maior risco, polo que será precis0 renovar as intervencións naqueles viñedos
onde xa se detectara a mancha e nos que está próximo a concluír o período de
protección teórico do tratamento anterior.
Sublíñase que as aplicacións
fitosanitarias deben ser realizadas aproveitando momentos de pouco vento, xa
que de non ser así, o caldo pérdese ao ser arrastrado fóra das zonas a tratar, e
as plantas quedan desprotexidas ao non ser eficaz o tratamento. Tamén nestes
momentos é imprescindible o control da vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a
aireación na contorna das viñas.
En canto ao resto das
enfermidades da vide, a partires da semana próxima haberá que estar pendentes
nas fincas afectadas tradicionalmente por botrite e por ‘clack rot’. Por outra
banda, dado que foi xeneralizada a presenza de ventos moderados e mesmo fortes e
incluso de sarabia produciuse a perda dalgúns gromos, algo a vixiar xa que as
feridas de calquera natureza son portas de entrada de certos patóxenos.
Froiteiras
e outros
O aviso fitosanitario da EFA
advirte tamén da aparición dos primeiros síntomas de ‘moteado’ nas maceiras da
finca de Areeiro, e dado que para a semana haberá precipitacións aconséllase aplicar
un tratamento nas variedades especialmente sensibles. Tamén nesta semana se
detectaron algúns gromos con síntomas de oídio nas maceiras e nos marmeleiros,
pero sen moita incidencia.
En canto ao kiwi, será preciso renovar
nos próximos días o tratamento cúprico contra as bacterioses que se teña
aplicado en xornadas pasadas. No caso das froiteiras de óso continúan avanzando
os síntomas da lepra naquelas árbores onde non se realizaron tratamentos, polo
que despois das choivas previstas haberá que renovar as intervencións.
É de destacar a presenza de Drosophila suzukii nas trampas
instaladas en Areeiro, subliñando que as larvas desta especie aliméntanse dos
froitos de diferentes especies (cerdeira, amorodo, kiwi, froitas do bosque…), e
poden provocar secado dos mesmos aparte de podremias sobre eles. Para reducir o
número de adultos e evitar así a posta de ovos na froita é aconsellable
instalar nas árbores trampas de captura caseiras cunha botella de plástico con
buracos de ao redor de 5 mm onde poñer vinagre de mazá.
No que atinxe ao buxo, na
última semana recibíronse numerosas consultas de toda Galicia referindo graves
danos nas plantas e a presenza de numerosas eirugas aínda a pesar de ter
tratado, moitas veces a causa de que os tratamentos non foron aplicados de
xeito correcto (debe ser aplicado a presión e parándose moito para que teña
eficacia).
Finalmente, a EFA advirte de
que aínda se está a tempo para aplicar un tratamento fronte ao ácaro da caída
do botón floral da camelia, xa que aínda hai crecemento de gromos nalgunhas
camelias e estamos a verificar que en moitas plantas as poboacións son moi
elevadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario