O
persoal técnico da Estación Fitopatolóxica asegura que hai manchas en todas as
parcelas vixiadas e que no Salnés teñen síntomas o 50% das cepas
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA) vén de urxir no seu último aviso fitosanitario a aplicación de
tratamentos contra o mildio nas viñas da provincia para evitar danos nos acios.
Segundo explica o persoal técnico, nos últimos días producíronse condicións
propicias para a infección, o que derivou en que se observasen manchas de
‘aceite’ en todas as revisións das parcelas propias e externas da rede de seguimento.
Nalgunhas viñas a presenza de
síntomas era anecdótica, pero noutras, sobre todo na comarca do Salnés, a
porcentaxe de cepas con síntomas estaba arredor do 50%. Esta presenza de
manchas recentes unida á acumulación de humidade a nivel dos acios (que aínda
non teñen os botóns florais separados) pode producir os primeiros danos nas
uvas, polo que é preciso aplicar canto antes un tratamento se é que non se fixo
xa, confirmar a súa eficacia e repetir a aplicación procurando utilizar
materias activas diferentes ás xa empregadas. Tamén nestes momentos, subliñan
dende a EFA, é imprescindible o control da vexetación adventicia para evitar que reteña humidade e
dificulte a aireación na contorna das
viñas.
Sobre o resto de patoloxías das
viñas, o persoal técnico destaca que aínda non se detectaron síntomas de oídio
sobre albariño, nin sobre outras variedades, mesmo sensibles e con historial de
danos por este patóxeno. Tampouco se espera que aparezan síntomas de botrite a
pesares de terse acumulado moita humidade debido ás choivas.
Si que se observaron os
primeiros síntomas de ‘Black rot’ tanto nas plantas da finca de Areeiro coma en
dúas do Condado, mais apenas unha soa mancha ou máximo tres en follas moi
puntuais dalgunha cepa. Por outra parte, as capturas de Lobesia botrana continúan en niveis moi baixos en todas as trampas e,
unha semana máis, continúase sen detectar poboacións de acariose, nin parcelas
propias de seguimento nin nas demais.
A EFA si advirte que nalgunhas
viñas hai escaso desenvolvemento da vexetación nalgúns brazos, o que pode
deberse a enfermidade da madeira, que requiriría dunha poda do brazo afectado
despois da floración e con tempo seco.
Tratamentos
para froiteiras de óso, maceiras, kiwi e patacas
A EFA tamén sinala no seu
último aviso fitosanitario da necesidade de aplicar tratamento sobre as
variedades de maceira máis sensibles ao moteado debido ás condicións favorables
ao fungo destes días. En canto ás bacterioses do kiwi, advírtese que aínda se pode
realizar a aplicación de produtos, sobre todo polos lavados das chuvias.
Tamén é de destacar a
necesidade de renovar os tratamentos fronte á lepra nas froiteiras de óso,
cuxos síntomas son cada vez máis visibles a raíz das precipitacións e da
elevada humidade que se rexistra. Finalmente, convén sinalar o alto risco de
infección de mildio na pataca, polo que aínda que as plantas están en fase de
crecemento activo, aconséllase mantelas protexidas, utilizando preferiblemente
funxicidas sistémicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario