§ O titular de
Cultura e Turismo participou hoxe na clausura do proxecto ‘O Camiño e os
espazos naturais para nenos e nenas’ onde subliñou a importancia de divulgar os
valores e o patrimonio xacobeo entre os máis pequenos
§ O conselleiro
tamén gabou o imprescindible papel da Asociación de Amigos do Camiño Portugués
na acollida aos peregrinos e na dinamización desta ruta
§ A Xunta
impulsou xa máis de 130 proxectos ao abeiro de ‘O teu Xacobeo’, o programa
posto en marcha pola Administración galega co obxectivo de fomentar a
participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo
O conselleiro de Cultura e
Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe en Pontevedra na clausura de O Camiño e os espazos naturais para nenos e
nenas, un proxecto impulsado pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués
a Santiago ao abeiro de O teu Xacobeo.
Trátase dunha iniciativa educativa, de ámbito social, destinada aos nenos de Primaria
cuxa finalidade é fomentar o coñecemento do patrimonio natural, cultural e
humano do Camiño de Santiago entre os máis pequenos.
Durante o acto celebrado no Pazo da Cultura,
o titular de Cultura e Turismo destacou o éxito de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego co
obxectivo de fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro
Ano Santo, e subliñou o revulsivo que supón para a provincia de Pontevedra, onde
se desenvolven máis de 80 proxectos grazas a un investimento de 1,2 millóns de
euros. Ademais, a nivel autonómico e desde que se puxo en marcha este proxecto,
a Xunta promoveu xa máis de 130 proxectos.
Román Rodríguez explicou que tanto a cidade
de Pontevedra como o Camiño Portugués teñen “un papel cada vez máis relevante
no panorama xacobeo” o que se traduce nun importante incremento no número de
persoas que decide percorrer este itinerario. De feito, no que vai de ano o
Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa sumaron máis de 90.000
peregrinos, unha cifra que se duplicou no último lustro.
Futuras
xeracións
O proxecto clausurado hoxe, que contou cunha
achega por parte da Xunta a través de O
teu Xacobeo de preto de 14.000 euros, permitiu que centos de escolares da
provincia de Pontevedra tiveran un maior coñecemento e contacto co Camiño de
Santiago facendo que os nenos sexan aínda máis conscientes da importancia de
conservar o legado xacobeo. Nesta liña, Román Rodríguez subliñou que é unha
iniciativa de especial importancia porque “nos axuda a levar o Camiño cara ó
futuro, xa que a implicación das futuras xeracións é o único xeito de garantir
que a Ruta Xacobea sega a ser unha gran riqueza para Galicia”.
Participaron neste proxecto o CEIP Plurilingüe
nº 1 de Tui, o CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, o colexio público integrado
de O Toural, en Vilaboa; o CEIP Amor Ruibal de Barro, o colexio público
integrado de Pontecesures e o CEIP Plurilingüe O Pumar, de Rois.
No hay comentarios:
Publicar un comentario