A Xunta aposta pola mellora da seguridade viaria en todos os camiños de santiago na provincia de pontevedra - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 13 de noviembre de 2019

A Xunta aposta pola mellora da seguridade viaria en todos os camiños de santiago na provincia de pontevedra




§   O conselleiro de Cultura e Turismo trasladou na Mesa do Camiño unha proposta á Deputación de Pontevedra para avanzar na protección dos distintos itinerarios
§   O acordo da continuidade ao asinado coa Deputación de Ourense e a Fegamp para detectar as necesidades das distintas rutas na antesala do Xacobeo 21
§   Román Rodríguez salientou o crecemento dos Camiños que atravesan Pontevedra e asegurou que rematarán o ano por enriba dos 100.000 peregrinos
§   Lembrou que o Ano Santo traerá consigo unha extensa programación na provincia dentro da aposta por estender a influencia desta celebración a toda Galicia 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria en todos os Camiños de Santiago na provincia de Pontevedra. Fíxoo durante a celebración da Mesa do Camiño, na que subliñou a importancia da colaboración institucional co fin de mellorar a protección e a posta en valor dos catro itinerarios da provincia: Camiño Portugués, Camiño Portugués da Costa, Vía da Prata e Camiño de Inverno. Precisamente, no marco deste encontro, aproveitou para trasladarlle á Deputación de Pontevedra unha proposta para a mellora da seguridade nestas catro rutas.

Este acordo daría continuidade ao asinado onte coa Deputación de Ourense e no mes de febreiro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de detectar as necesidades das distintas Rutas Xacobeas e acometer as medidas previstas para impulsar a mellora da seguridade viaria nas mesmas no marco do Xacobeo 21. Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo xa solicitou formalmente aos presidentes das catro deputacións provinciais a implicación de todas as administracións nesta tarefa, que supón “unha peza fundamental” da Ruta Xacobea.

Román Rodríguez salientou a necesidade de establecer un marco de colaboración para a mellora integral das catro rutas que transitan pola provincia de Pontevedra. De feito, subliñou o importante crecemento que están rexistrando estes itinerarios e asegurou que rematarán o ano por enriba dos 100.000 peregrinos. Destacou especialmente o impulso do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, que xa son o  segundo e terceiro itinerario máis percorridos, respectivamente.

Descentralización da programación
Ademais de repasar a evolución destes catro Camiños, o responsable de Cultura e Turismo avanzou as liñas mestras do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 na provincia. Lembrou que o Ano Santo traerá consigo unha extensa e detallada programación neste territorio que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

En paralelo, Román Rodríguez repasou as actuacións do seu departamento en Pontevedra a través das distintas liñas de actuación en marcha como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento. No eido cultural, puxo en valor as máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa O teu Xacobeo, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como Cultura no Camiño, Camiños Sonoros ou Vive o Camiño. Por último, o conselleiro destacou as actuacións que se están levando a cabo nalgúns dos Bens de Interese Cultural máis destacados e situados nos itinerarios xacobeos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario