― O avance nas obras de mellora da conexión da vía de altas prestacións AG-41 coa PO-504, practicamente finalizadas, permiten xa a circulación neste punto
― O novo ramal executado ábrese coa capa de rodaxe definitiva, e antes de semana santa remataranse estes traballos nas glorietas do ámbito da obra e na conexión entre elas, ademais de colocar balizas e captafaros
― A actuación, cun investimento autonómico de 335.000 €, incluíu a ampliación da plataforma da vía entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e un carril de acceso directo adicional
― Os traballos compleméntanse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas
― Esta nova conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo permitirá gañar en capacidade, o suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de grande atractivo turístico
A Xunta reabriu ao tráfico o tramo de conexión con Sanxenxo da vía de altas prestacións AG-41 e o ramal de enlace coa estrada PO-504, interrompido desde o pasado mes de setembro por mor das obras de mellora da conexión da autovía do Salnés coa vía autonómica PO-504 neste municipio pontevedrés.
O avance das obras de reconstrución do ramal que conecta a autovía do Salnés coa PO-504, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun orzamento de 335.000 euros, están practicamente finalizadas, o que permitirá xa a circulación do tráfico neste punto desde este venres arredor das 18,00 horas.
O novo ramal construído ábrese coa capa de rodaxe definitiva, e antes de semana santa remataranse estes mesmos traballos nas glorietas do ámbito da obra e na conexión entre elas xa que, polas súas características, necesitan condicións de humidade e temperatura adecuadas para a mellor fixación do firme. Nese momento tamén se realizará o pintado definitivo e colocaranse as balizas e os captafaros.
Estas obras dotan dun novo ramal os vehículos procedentes do Grove e A Lanzada que saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, para o que se ampliou o radio de xiro para a mellora da fluidez do tráfico neste punto.
Ademais, os traballos permitiron a ampliación da plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e a habilitación dun carril de acceso directo adicional.
Os traballos compleméntanse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.
Esta nova conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo permitirá gañar en capacidade, o que suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de grande atractivo turístico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario