photo_camera El río Lérez a su paso por Monte Porreiro.
O encontro, ao que están citados os Concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas, terá lugar o venres 28 de xullo, na Delegación da Xunta en Pontevedra
― A xuntanza dará continuidade á celebrada en xullo do pasado ano, na que o Executivo autonómico xa advertiu do deber de constituír unha entidade supramunicipal de xestión do sistema de abastecemento, en cumprimento da Lei de Augas
― Xunto coa convocatoria, a Xunta remitiulles aos concellos un modelo de solicitude conxunta para iniciar o trámite de concesión que autorice e fixe as condicións das captacións dos ríos Lérez e Rons
― Este trámite de concesión pode comezarse sen ter constituída a entidade supramunicipal, sempre e cando os representantes dos municipios implicados o soliciten conxuntamente e se comprometan a crear esa entidade
― A experiencia da xestión do episodio de escaseza de auga vivido o pasado ano pon en evidencia a necesidade de creación do ente municipal de xestión do sistema de abastecemento da área de Pontevedra
― No encontro tamén se abordarán as perspectivas e garantías de abastecemento coas que estes municipios afrontan o verán, tendo en conta o estado actual dos recursos hídricos e as reservas de augas
A Xunta vén de convocar aos concellos da área de Pontevedra a unha reunión con representantes de Augas de Galicia para abordar a creación dunha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento de auga.
O encontro, ao que están citados os Concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas, terá lugar o vindeiro venres, día 28 de xullo, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra coa presenza da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
Esta xuntanza dará continuidade á celebrada en xullo do pasado ano, na que a Xunta xa advertiu da necesidade de que os municipios constituísen unha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento, que capta dos ríos Lérez e Rons, para cumprir coa Lei de Augas, que establece a obrigatoriedade de que haxa un ente supramunicipal de xestión dos servizos da auga cando estes afectan a varios concellos.
No escrito da convocatoria, a Xunta lembra, ademais, que esa entidade debe tramitar unha concesión que autorice e fixe as condicións das captacións. Ese trámite pode iniciarse antes de ter constituído formalmente o ente supramunicipal de xestión, sempre e cando os representantes de todos os concellos implicados así o soliciten conxuntamente e se comprometan a crear a citada entidade.
Para iso, xunto coa convocatoria de reunión, a Xunta trasladou aos concellos un modelo de solicitude conxunta -que xa fora remitido o pasado ano-, para iniciar o trámite de concesión que autorice e fixe as condicións das captacións dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen os municipios da área de Pontevedra.
A experiencia da xestión do episodio de escaseza de auga vivido o pasado ano nesta área pon en evidencia a necesidade de creación dunha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento.
Na reunión do vindeiro xoves, ademais da problemática na explotación do sistema de abastecemento en alta da área de Pontevedra e do inicio dos trámites para a constitución da entidade supramunicipal de xestión, tamén se abordará o inicio dos trámites para fixar as condicións de captación de auga dos ríos Lérez e Rons e as perspectivas coas que estes municipios afrontan o verán, tendo en conta o estado actual dos recursos hídricos e as reservas de auga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario