A
Estación Fitopatolóxica da Deputación recomenda manter a vixilancia de mildio e
oídio nas viñas. No caso da botrite, advirte da necesidade de prestar moita
atención á aparición do patóxeno
Aconsella
tratar fronte a bolboreta do buxo e controlar a mosca da casca verde da noz.
Tamén anuncia as primeiras capturas de machos de procesionaria do piñeiro nas
trampas
A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra advirte da necesidade de continuar aplicando tratamentos na zona sur da provincia para reducir a poboación de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada dado o número de adultos recollidos nas trampas. Tamén recomenda manter a vixilancia de mildio, oídio e black rot nas viñas e no caso da botrite prestar atención á aparición do patóxeno. No que respecta a outras especies, aconsella tratar fronte a bolboreta do buxo e controlar a mosca da casca verde da noz. Amais, anuncia as primeiras capturas de machos de procesionaria do piñeiro nas trampas.
No que respecta ao mildio, Areeiro asegura que os rexistros climatolóxicos dos últimos días cumpriron as condicións para a esporulación aínda que non se ten atopado síntoma novos nos acios. Sen embargo, o centro dependente da Deputación recomenda vixiar e renovar os tratamentos no caso de que proliferen síntomas e/ou as precipitacións sexan abundantes. Tamén hai que manter a vixilancia e renovar as aplicacións de tratamento contra o oídio, cuxos síntomas aínda poden seguir aparecendo ata o pintado. E, trala detección do primeiro síntoma de botrite nunha variedade temperá sensible, prestar moita atención á aparición deste patóxeno, sobre todo baixo condicións de elevada humidade relativa e/ou choivas.
Pola súa banda, as capturas de avelaíñas da uva seguen a ser baixas, pero Areeiro advirte que se ten observado xa a primeira penetración dunha eiruga nas parecelas de seguimento do centro. Ao respecto, anima a manter a vixilancia e facer seguimento ás trampas.
Nogueira, buxo e piñeiro
En canto á nogueira, a Estación Fitopatolóxica da Deputación advirte de que a mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa) está a comezar o seu voo, e recorda que as larvas desta especie destrúen a casca verde do froito, que podrece, seca e fai diminuír a calidade das noces. A recollida de froitos do chan e o uso de trampas de feromona son as medidas adecuadas para evitar que as larvas se enterren para pupar.
Por outra banda, nas sebes que non recibiron tratamentos observáronse danos aparentes das eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis). Areeiro recomenda aplicar tratamento, especialmente en tempo cálido, cando se detecten os síntomas debido á rápida defoliación que provocan.
Amais, o centro dependente da Deputación ten capturado esta semana os primeiros machos de procesionaria do piñeiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario