Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 16 de septiembre de 2017

ADOS SALIENTA A EXCELENTE RESPOSTA DOS NOVOS DOADORES E DOADORAS DE MEDULA ÓSEA NA DATA DA CONMEMORACION DO SEU DÍA MUNDIAL



  • Galicia contabiliza xa unha cifra superior aos 9.000 cidadáns rexistrados no REDMO, segundo os datos da Organización Nacional de Transplantes

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) súmase aos actos de conmemoración do Día Mundial do Doador de Medula Ósea que se celebra este sábado 16 de setembro. ADOS quere salientar o papel fundamental que teñen os doadores e doadoras de medula ósea para posibilitar a obtención deste elemento terapéutico de orixe humana imposible de obter de xeito artificial e que permite salvar a vida a moitos doentes.
ADOS é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea, integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO). Segundo datos da Organización Nacional de Transplantes (ONT), Galicia ten experimentado unha excelente evolución, rexistrando, no pasado ano 2016, 1.780 novos doadores, cifra que supuxo un 17% de incremento con respecto ao ano anterior. Ata o 31 de xullo do presente exercicio, rexistráronse 1.315 novos doadores de medula ósea, co que Galicia xa supera a cifra dos 9.000 doadores e doadoras rexistrados no REDMO.

Plan nacional
En xaneiro do 2013, as Comunidades Autónomas e a ONT puxeron en marcha o denominado Plan Nacional de Medula Ósea, co obxectivo de acadar, no 2020, unha cifra superior aos 400.000 doadores. Neste sentido, salientar o decidido compromiso da Consellería de Sanidade que, por medio de ADOS, facilita o acceso dos cidadáns a este tipo de doazón.

Ademais, dende hai catro anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición dos cidadáns unha páxina web http://galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lembrar que poden ser doadores de medula ósea, persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón

Obxectivo: concienciación
ADOS está a desenvolver diversas iniciativas destinadas a sensibilizar á poboación da importancia da doazón de medula ósea, facendo especial fincapé nos mais novos e novas. Deste xeito, no curso académico 2016-2017 desenvolveuse a segunda edición do Concurso Universitario de Curtametraxes sobre a Doazón e Transplante de Medula Ósea, no que resultou gañador o traballo “Regala tempo” de Romina Alonso Fernández, Sara Fernández Meijide e Iván García Calaza, alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

A curtametraxe gañadora atopase na web ados.sergas.es e nas redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e ofrece a visión, dende a perspectiva do colectivo universitario, sobre a importancia do solidario xesto da doazón de medula ósea.

ADOS quere por en valor a figura de todos os doadores e doadoras, especialmente e nesta oportunidade co gallo da conmemoración do seu Día Mundial, de medula ósea xa que o seu xesto solidario contribúe ao restablecemento de moitos doentes. Así mesmo, convida aos cidadáns a informarse sobre este xeito especial de doazón na súa web: ados.sergas.es, páxina que tamén recolle información sobre todos os xeitos de doazón altruísta que poden levarse a cabo no sistema público de saúde de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario