Esta praga, aparecida en maio de 2014 no sur da provincia,
a día de hoxe xa está totalmente estendida e pode chegar a producir a perda
total das follas das plantas
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA),
dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un aviso fitopatolóxico
extraordinario relativo á coñecida como “praga dos buxos”. Os técnicos da EFA
explican que en moitas sebes xa se pode ver claramente como parte dos gromos
máis tenros están secos. Isto obedece a que neses gromos os excrementos e os
buracos de alimentación das eirugas da especie que causa esta praga, a chamada Cydalima
perspectalis, neste momento están, na súa maior parte, nos seus estados
iniciais. Tamén constataron a presenza de eirugas adultas apoiadas nas sebes,
así como algunhas postas.
Ante esta situación, desde a EFA recomendan
que, despois das precipitacións destes días, se aplique un tratamento para
evitar defoliacións severas. Lembran, ademais, que os produtos autorizados contra
estas larvas son os piretroides (de orixe química), ou o aceite de parafina e o
azadiractin (de orixe natural). En canto á aplicación, recomendan rigorosidade
e insistencia para conseguir que a totalidade da planta quede correctamente
cuberta polo tratamento.
Hai que lembrar que esta praga se detectou por
primeira vez no sur da provincia de Pontevedra en maio de 20 14 e que, na actualidade, xa
está totalmente estendida por toda a provincia. Ao longo do ano, a Cydalima
perspectalis soe ter entre 2 e 3-4 xeracións, dependendo da climatoloxía.
Durante o 2017, o primeiro ataque forte detectouse a comezos do mes de marzo,
seguido de dous ataques de menos importancia no meses de maio e de xullo. A aplicación dos tratamentos, de xeito
minucioso en todo o buxo, consigue frear o avance das larvas e eirugas e evita
que a planta quede totalmente defoliada. En circunstancias extremas, está
constatado que canto máis crecen as eirugas máis dano producen, e que unha vez
rematan coas follas, pasan a alimentarse da cortiza nova, o que impide que a
planta sobreviva ao ataque.
No hay comentarios:
Publicar un comentario