§ A nova actividade está pensada para
rapazada de entre catro e dez anos e pon a proba a habilidade física e os
coñecementos culturais sobre Galicia
§ O espectáculo percorrerá
ata o 5 de novembro 21 concellos galegos
§ Como é habitual neste
programa de dinamización, a entrada ás funcións é libre e de balde ata
completar a capacidade dos espazos
O ‘FalaRedes’, programa
que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística
(RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Barro, Caldas de Reis e
Castro Caldelas. Os protagonistas serán Os Bolechas, os personaxes máis
coñecidos pola rapazada galega, que nesta ocasión traen unha nova actividade
que leva por nome ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’. A primeira das
paradas desta fin de semana será o sábado, ás 12:00 horas, no concello de Barro
(Nave da Música). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase da
actividade en Caldas de Reis (Auditorio Municipal). Por último, o domingo, ás
17:30 horas, os Bolechas daranse cita no Polideportivo Municipal de Castro
Caldelas.
Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos
están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados
do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen
con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do
público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais
sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía,
gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que
os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os
Bolechas.
15 concellos máis ata novembro
A participación non se limita ao día do espectáculo, senón que ten
continuidade a través das novas tecnoloxías. Durante a actividade, o público
coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais
para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.
Ata o 5 de novembro Os Bolechas percorrerán outros 15 municipios:
Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa
Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade
da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu,
Ordes e Xove. Toda a información xa está dispoñible no
enlace http://www.lingua.gal/dechispaatata.
‘FalaRedes 2017’
A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes'
mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade
en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a
valoración positiva da lingua propia de Galicia.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes'
están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno
galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as
administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades
adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as
actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no
FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a
capacidade das salas.
O calendario de funcións e espazos está xa dispoñible no Portal da
Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes),
nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario