Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 18 de septiembre de 2017

PONTEVEDRA ALCANZA OS 120 CENTROS PLURILINGÜES ESTE CURSO 2017/18



  • Ao abeiro da nova estratexia EDUlingüe 2020, 35 centros da provincia estenden o modelo plurilingüe a infantil e 4 fano a FP  
  • Súmanse 105 novas seccións bilingües

O curso 2017/18 comeza cun total de 120 centros plurilingües na provincia de Pontevedra trala ampliación deste tipo de modelo –que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira– á educación infantil, bacharelato e Formación profesional. Os datos definitivos das diferentes etapas –excepto de FP, que sairán en breve–, así como das seccións bilingües, poden consultarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/.

A ampliación do ensino plurilingüe ás distintas etapas –ata o curso pasado estaba presente en primaria e secundaria– enmárcase no desenvolvemento da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada a inicios de xuño. Os primeiros resultados desta iniciativa acreditan que neste curso 2017/18, un total de 35 centros da provincia de Pontevedra decidiron introducir o plurilingüismo en infantil, denominado Plurinfantil.

Pola súa banda, comezan por primeira vez 8 ciclos plurilingües en catro centros de Vigo. En concreto, trátase do CPR San Miguel de Vigo (con Servizos administrativos); do CPR Plurilingüe San Miguel 2 (con Informática e comunicacións); do CPR Daniel Castelao (cos ciclos de Xestión administrativa, Instalacións eléctricas e automáticas, Administración e finanzas, Administración de sistemas informáticos en rede, e Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma); e do CIFP Manuel Antonio (con Patronaxe e moda).

Ademais, á rede dos centros plurilingües clásicos (primaria e secundaria) súmanse este curso seis novos: o CPR Casa de la Virgen de Cangas, o CEIP de Silleda, o CEIP de Tebra de Tomiño, o CEIP Javier Sensat de Vigo, o CEIP Párroco Don Camilo de Vigo e o CPR Atalaya-Cantabria de Vigo.

Así mesmo, a provincia pontevedresa suma 105 novas seccións bilingües.

322 en toda Galicia
A nivel Galicia, un total de 83 centros estenderon o plurilingüismo en infantil, 4 fixérono no bacharelato e, así mesmo, haberá 12 ciclos formativos plurilingües en 7 centros educativos. Tendo en conta estas novidades, así como os 25 novos centros que se incorporan á rede clásica (primaria e secundaria), este curso haberá un total de 322 centros plurilingües en toda a comunidade, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.  

En canto ás seccións bilingües, aumentan en 231 ata chegar ás 4145, un 6% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 34 o fan por primeira vez. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, 6 de francés e 2 de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra supón multiplicar por case 6 este número.

Así mesmo, dentro do programa CUALE, de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras, un total de 1200 alumnos recibirán formación fóra do horario escolar en centros que voluntariamente participan, co fin de preparar o alumnado para a certificación oficial en Escolas Oficiais de Idiomas.

No caso do profesorado, unha das medidas incluídas no Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 é o plan específico en linguas, dotado este ano de 2.500 prazas, que busca promover a certificación de nivel dos docentes.

EDUlingüe 2020
Entre os obxectivos da estratexia EDUlingüe no horizonte 2020 está alcanzar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.

Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos e mozas que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario