·
Esta
campaña especial achegarase aos campus de Lugo e Santiago o xoves catro de
outubro e coincide coa II Edición do Reto da Froita
·
ADOS
e a USC colaboran, desde hai 25 anos, na sensibilización do colectivo
universitario a prol do solidario xesto da doazón, acumulando máis de 76.000
doazóns desde o ano 1993
A
Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Universidade de Santiago de
Compostela (USC) convidaron hoxe á participación de todos os membros da comunidade
universitaria para que tomen parte activamente no “Reto 5000”, promovido desde
a Rede Española de Universidade Saudables (REUS). A directora de ADOS, Marisa
López García, que estivo acompañada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura
e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, indicou, no transcurso do acto de presentación
desta iniciativa, que tivo lugar esta maña no Pazo de San Xerome, que este reto
ten o obxectivo de acadar, ao longo do xoves 4 de outubro, un total de 5.000
doazóns de sangue entre todos os centros universitarios de España que se sumen
a esta iniciativa.
Pola súa banda a vicerreitora, Mar Lorenzo Moledo destacou o
compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este xoves e, en xeral, coas
campañas de ADOS pola súa dimensión social e solidaria, ao tratase dun acto de
xenerosidade imprescindible ao que a comunidade universitaria nunca deixa de
acudir.
Reto
da froita
Esta
campaña especial, na que toman parte activa as tres universidades galegas,
coincide coa segunda Edición do Reto da Froita polo que todos aqueles que se
acheguen a doar sangue ata as unidades móbiles de ADOS distribuídas nos sete
campus galegos, recibirán unha peza de froita no refrixerio posterior á doazón.
Neste sentido, a directora de ADOS manifestou que esta campaña ten unha dobre
vertente: por unha banda, promover e sensibilizar a prol do solidario xesto da
doazón e por outra, fomentar hábitos de vida saudables entre os universitarios
e universitarias galegos.
Polo
que atingue á presenza das unidades móbiles de ADOS, salientar que, ao longo da
xornada de mañá xoves 4 de outubro, efectuarán os seguintes desprazamentos nas
instalacións da USC:
CAMPUS
DE LUGO:
Biblioteca
Intercentros, das 09:30 ás 14:30 horas
CAMPUS
DE SANTIAGO:
Campus
Vida, diante da Facultade de Dereito das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00
horas.
Traxectoria de colaboración
Marisa
López quixo agradecer á USC o seu constante compromiso co labor desenvolvido
por ADOS e que principiou no ano 1993, coa posta en marcha das primeiras
campañas de doazón de sangue e que teñen situado á Universidade de Santiago
como a de maior participación de Galicia, recollendo, no transcurso destes 25
anos, máis de 76.000 doazóns de sangue entre os centros docentes dos campus de
Lugo e Santiago.
Nese mesmo sentido, manifestouse Lorenzo Moledo, salientando
a sempre excelente resposta coa que cada ano a comunidade universitaria deixa
constancia do seu compromiso. A vicerreitora chamou a atención tamén sobre a
importancia que teñen as aulas universitarias para ser capaces de formar
especialistas e persoal cualificado, pero tamén cidadáns comprometidos e
comprometidas coa sociedade.
A
directora de ADOS quixo por en valor a colaboración brindada polas tres
universidades galegas e, lembrou, que a pasada semana comezou na compostelás
Facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación, a primeira fase da campaña de
doazón de sangue nas Universidades galegas. Esta primeira fase prolongarase ata
o vindeiro mes de decembro e entre os meses de marzo e maio do 2019 terá lugar
a segunda fase de esta campaña especial de doazón.
O
obxectivo da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue para a este curso 2018-2019,
pasa por superar as 4.542 doazóns rexistradas no pasado ano académico, das
cales 1.555 correspóndense con persoas que doaron nos campus de Lugo e
Santiago.
Importante
participación
A
directora de ADOS lembrou a importancia que ten o desenvolvemento das campañas
de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria
como universitaria xa que, para moitos xoves, é o primeiro contacto que teñen
co solidario xesto da doazón de sangue.
Ademais,
agradeceu a colaboración brindada polos reitores das tres universidades para
levar a cabo tanto a campaña de doazón como o “Reto 5000”, ao tempo que fixo un
chamamento a todos os membros da comunidade universitaria para que se acheguen
a participar activamente nesta solidaria iniciativa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario