AREEIRO ACONSELLA MARCAR PARA A PODA OS BRAZOS ENFERMOS DAS VIDES DURANTE A VENDIMA E RETIRAR XA AS PLANTAS MÁIS AFECTADAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 5 de octubre de 2018

AREEIRO ACONSELLA MARCAR PARA A PODA OS BRAZOS ENFERMOS DAS VIDES DURANTE A VENDIMA E RETIRAR XA AS PLANTAS MÁIS AFECTADAS






O persoal técnico advirte, por outra parte, da necesidade de tratamento nas sebes de buxo nas que haxa eirugas nos gromos

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un aviso fitopatolóxico con recomendacións a ter en conta durante a vendima co fin de evitar contaxios de patoloxías nas viñas de cara á vindeira tempada.

O persoal técnico aconsella aproveitar que se está a traballar na contorna das plantas para detectar os brazos das cepas que amosan os primeiros síntomas de enfermidades de madeira, identificar as plantas máis afectadas, e marcar os brazos sintomáticos para actuar sobre eles durante a vindeira poda. Así mesmo, as plantas moi afectadas -sen posibilidade de refacelas con poda- ou mortas poden eliminarse xa despois da vendima (retirando tamén as raíces), pois canto máis tempo estean na finca máis posibilidades hai de que se incremente o número de plantas enfermas na viña.

Por outra banda, o persoal de Areeiro tamén aproveita o novo aviso fitopatolóxico para subliñar que continúa a actividade das eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) grazas á climatoloxía que destes primeiros días do outono que, segundo as previsións meteorolóxicas a día de hoxe, permanecerá aínda nos primeiros días de outubro.

Nas sebes revisadas esta semana as eirugas que atopadas eran dos estados intermedios, aínda que avanzan rápido polas temperaturas. Por este motivo, a técnica Rosa Pérez Otero aconsella revisar os gromos tenros para ver se efectivamente se confirma esta circunstancia e, en caso afirmativo, aplicar un novo tratamento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario