Preto de 30 alumnos e alumnas recibirán
a formación da Escola estimulando a vocación artística para o desenvolvemento
da artesanía no sector da pedra
A deputada de emprego, Montse
Magallanes, informou da previsión de que as obras necesarias para a
homologación do título estean finalizadas este mesmo curso
Este
luns 1 de outubro deu comezo nas instalacións de Poio o novo curso da Escola de
Cantería da Deputación de Pontevedra. Ao acto de apertura asistiu a deputada de
emprego Montse Magallanes, que deu a benvida ao preto de 30 alumnos e alumnas
que cursarán os estudos ofertados pola Escola, que aconsellou ao alumnado que
“aproveite este curso porque poderedes traballar nas mellores instalacións de
toda España e cun profesorado e equipo directivo moi implicado na vosa
formación”.
Amais,
Magallanes informoulles de que “desde a Deputación de Pontevedra levamos anos
traballando para conseguir a homologación dos títulos que imparte este centro
porque o consideramos moi importante e xa estamos moi preto de conseguilo”.
Neste senso, explicou que “as obras necesarias para conseguir a homologación xa
están en proceso de adxudicación do proxecto e da execución da obra e a partir
de aí esperamos que sexa este mesmo curso cando estea todo rematado e preparado
para solicitar a homologación, que prevemos que estaría resolta de cara ao
vindeiro curso”.
A
Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas menores
de 35 anos que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou que
rematasen o nivel educativo equivalente. O centro educativo oferta dúas
modalidades de formación, a ordinaria, en primeiro lugar, para a formación en
canteiro ou canteira e mestre ou mestra, e a específica, en horario nocturno,
dirixida a persoas con coñecementos previos en cantería.
Este
ano a Escola de Cantería conta con 11 alumnos en formación ordinaria,
distribuídos entre cinco anualidades (a formación en canteiro ou canteira dura
tres anualidades, mentres que a de mestre ou mestra dura cinco). Nesta
modalidade, o alumnado recibe formación nas materias de debuxo artístico,
debuxo técnico, construción, historia da arte, cantería, escultura e modelado. Por
outra banda, están matriculadas na formación específica un total de 16 alumnas
e alumnos que recibirán formación en escultura e cantería.
Durante
o acto de presentación deste novo curso, a deputada de emprego, Montse
Magallanes, lembrou que a Deputación de Pontevedra está por en marcha unha
ambiciosa campaña informativa para dar a coñecer a Escola, así como novidades
relativas á homologación oficial do titulo de Cantería e a novas obras e
exposicións postas en marcha coas pezas elaboradas polo alumnado do centro.
Deste xeito, nas vindeiras semanas un mestre canteiro visitará diferentes
centros de educación secundaria e FP como o CPR Santo Tomás de Porriño, o IES
Pintor Colmeiro de Silleda ou o CPR Virxe Milagrosa de Bueu.
Desde
o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a
vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración
dos traballos en pedra. As persoas que estudan na Escola de Cantería da
Deputación de Pontevedra reciben unha formación moi completa estudando, ademais
de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da
arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática. Xunto á
formación regrada para obter o título de canteira ou canteiro e mestra canteira
ou mestre canteiro, tamén se imparte formación complementaria sobre programas
de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou
de riscos laborais.
A
formación que o alumnado recibe nesta Escola é eminentemente práctica e así,
moitas das súas obras de arte están a ser situadas en lugares de Galicia, de
toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais,
antigos alumnos e alumnas traballaron na restauración do Capitolio de
Washington, a restauración do barrio de Chiado de Lisboa, traballos de
restauración e rehabilitación da Catedral de Santiago, a construción da Sagrada
Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario