As
beneficiarias son 119 entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos
sociais, sociosanitarios e da xuventude
Entre
as iniciativas hai centros de día no medio rural, proxectos de inclusión
social, terapias con animais, apoio a familias con baixos recursos ou servizos
de fisioterapia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de
aprobar a concesión de 119 subvencións, por un valor total que ascende aos 499.000
euros, dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia para realización de
actuacións enmarcadas no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da
xuventude durante este ano 2018.
Estas entidades teñen como obxectivo a realización de
proxectos ou actividades dentro da provincia orientadas á intervención,
asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar
daqueles colectivos que, atendendo ás súas especiais circunstancias, precisan
dunha maior especificación técnica e interdisciplinar na súa intervención.
Por concellos, o número de entidades beneficiadas por
estas axudas son de 1 en Bueu, 5 en Cangas, 1 en Crecente, 1 na Estrada, 3 na
Guarda, 6 en Lalín, 1 en Moraña, 1 en Mos, 3 en Nigrán, 1 en Pazos de Borbén, 2
en Ponterareas, 13 en Pontevedra, 1 en Porriño, 3 en Redondela, 1 en Ribadumia,
1 en Salvaterra do Miño, 1 en Sanxenxo, 1 Silleda, 2 en Tomiño, 3 en Tui, 1 en
Valga, 55 en Vigo, 10 en Vilagarcía de Arousa e 2 en Vilanova de Arousa.
Entre os proxectos subvencionados atópanse iniciativas
dirixidas ao fomento da inclusión social de persoas con enfermidade mental
crónica, unidades de apoio para a inserción laboral de persoas con diversidade
funcional, centros de día no medio rural, axudas para o pago de alugueres,
hipotecas e alimentación a familias con baixos recursos, reparto de alimentos,
terapias con animais para persoas con necesidades especiais, intervencións
asistidas con cans para persoas maiores, explotación de hortas ecolóxicas como
terapia para persoas con trastorno do espectro autista, obradoiros de
musicoterapia, rehabilitación cognitiva con novas tecnoloxías en saúde mental
ou servizos de fisioterapia para persoas con diversidade funcional, entre
outras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario