A DEPUTACIÓN PON EN MARCHA AS
DEPORTESCOLAS E ESPALLA A “AUTÉNTICA REVOLUCIÓN DO SÉCULO XXI” ENTRE 1.600
NENAS E NENOS DA PROVINCIA
Carmela
Silva abriu o curso no Sánchez Cantón ante máis de 250 nenas e nenos anotadas e
anotados á DEPOrte Escola de Patinaxe que, trala demanda das familias o ano
pasado, incrementa desde este curso a idade máxima de participación ata os 16
anos
A
presidenta da Deputación de Pontevedra presidiu esta tarde no IES Sánchez
Cantón de Pontevedra o arranque das “DEPOrte Escolas” coincidindo co inicio da
escola de patinaxe. Esta iniciativa, que
organiza institución provincial de xeito
gratuíto en 51 concellos da provincia, ten matriculadas e matriculados xa a 1.600
nenas e nenos da provincia “que van poder relacionarse, facer equipo, e
aprender a traballar e construír conxuntamente, o que contribúe a impulsar
sociedades máis cohesionadas”.
Para a
presidenta provincial “o deporte é a auténtica revolución do século XXI e as
administracións temos a obriga de fomentalo”. Neste eido, Silva tamén quixo
agradecer o papel das familias, “que sodes conscientes de que facer deporte é
fundamental para construír sociedades mellores”.
En
canto a “DEPOrte Escola” de Patinaxe, na que participan 265 nenas e nenos, a
presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que “no acto de clausura do
curso pasado moitas familias me formularon a posibilidade de incrementar a
idade de participación para que as e os adolescentes puidesen beneficiarse da
iniciativa. Hoxe síntome moi satisfeita porque fixémolo realidade e, deste
xeito, este curso as mozas e mozos de máis de 15 anos poden seguir a participar
nas DEPOrte Escolas”.
As “DEPOrte
Escolas” da Deputación de Pontevedra ofertan a práctica de 9 modalidades
deportivas dirixidas a nenas e nenos de entre cinco e dezaseis anos de xeito
totalmente gratuíto. En total, a institución provincial está a achegar á
infancia e mocidade a práctica de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo,
rugby, atletismo (marcha), piragüismo e baloncesto.
Este
curso as “DEPOrte Escolas” da Deputación estarán presentes en Agolada, Arbo, A
Guarda, A Cañiza, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Campo
Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de
Montes, Forcarei, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña,
Mos, Nigrán, Oia, O Grove, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ponte
Caldelas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Salceda de
Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa,
Vilanova de Arousa, Vila de Cruces e Vigo.
O
pasado venres 5 de outubro publicáronse as listas provisionais de persoas
admitidas. Naqueles concellos e modalidades nas que haxa prazas libres abrirase
un segundo prazo de inscrición, a partir do 15 de outubro, que permanecerá
aberto ata cubrir as prazas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario