A institución
provincial ofertará 10 novas edicións de itinerarios formativos nas comarcas de
Vigo, Pontevedra e O Salnés
A Deputación de
Pontevedra vén de aprobar, en Xunta de Goberno, o expediente de contratación
para a adxudicación do servizo de formación en terceira convocatoria do
proxecto DepoIntegra Xoven cun orzamento de 97.590 euros. O obxectivo é a
contratación do servizo para a realización de novas actividades formativas
dentro do programa DepoIntegra Xoven, que consisten en itinerarios integrados
para mellorar a formación e a empregabilidade das persoas mozas participantes.
Máis polo miúdo, as
comarcas de Vigo, Pontevedra e O Salnés acollerán 10 novas edicións de
itinerarios formativos nas que poderán participar un total de 150 mozas e
mozos. En concreto na comarca de Vigo levaranse a cabo os itinerarios
formativos de “Caixeira ou caixeiro de comercio” (2 edicións), “Peixaría”, “Primeiros
auxilios” e “Acompañante de transporte escolar” (2 edicións). No caso da
comarca de Pontevedra terán lugar o de “Caixeira ou caixeiro de comercio” (2
edicións) e o de “Carnicería/chacinería”. Por último, a comarca do Salnés
acollerá tamén o itinerario de “Carnicería/chacinería”. Estes novos
itinerarios, ao igual que todos os de DepoIntegra Xoven, inclúen contidos de
formación específica, prácticas profesionais non laborais, formación presencial
complementaria en inglés e ofimática, formación complementaria en liña en
igualdade, busca de emprego ou emprendemento, e titorías e orientación de
actividades.
O proxecto “Depointegra
Xoven”, que conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros e está
cofinanciado polo Fondo Social Europeo, ten por obxectivos integrar de xeito
sustentable no mercado de traballo a persoas de entre 16 e 30 anos da provincia
que non participa nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no
Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Por este motivo, realízanse actividades formativas constituíntes de
itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de
profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas
novas. Amais, estas accións formativas tamén se complementan con accións
transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas
tecnoloxías e a igualdade de oportunidades. “Depointegra Xoven” tamén ten por
obxectivos favorecer a participación das mulleres, das persoas paradas de longa
duración e colectivos en risco de exclusión social para garantir a non
exclusión no programa por motivos sociais, formativos, por razóns de xénero ou
lugar de residencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario