O goberno
provincial oferta este ano un total de 4.434 prazas, das que 434 están
destinadas a persoas en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra abriu desde este xoves 28
de febreiro o prazo para inscribirse no programa
de termalismo “Depotermal 2019”. Poden participar todas aquelas persoas
empadroadas na provincia de Pontevedra que teñan nado antes do 1 de xaneiro de
1969 (ou aquelas que nacendo con posterioridade sexan pensionistas), persoas que
conten cun grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou aquelas
persoas que necesiten respiro familiar.
As persoas interesadas en participar no programa
presentarán preferiblemente a súa solicitude por vía electrónica, a través do
formulario normalizado dispoñible en https://sede.depo.gal. Tamén se poderán
facer as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros
establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común,
usando o formulario normalizado dispoñible a través da sede electrónica da
Deputación. O prazo de inscrición comeza hoxe e remata o 29 de marzo e prevese
que as estancias termais comecen xa no mes de abril. Así, este ano o programa
comezará antes que en pasadas edicións e isto vai permitir que as persoas
participantes poidan desfrutar da súa estancia tamén nos meses de primavera e
non só nos meses de setembro a decembro.
En total, a Deputación oferta un total de 4.434
prazas: 1.248 para o programa termal de asistencia diaria sen pernocta (cinco
días consecutivos de asistencia aos establecementos termais) e 3.186 para o
programa termal con pernocta (cinco días e seis noites aloxados nos
establecementos termais). A institución provincial financia un total de 434
prazas para persoas en situación ou risco de exclusión social ou escasos
recursos económicos: 248 prazas para a modalidade de asistencia diaria sen
pernocta e 186 para a modalidade con pernocta.
“Depotermal 2019” ten por obxectivos promover o
envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores,
impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación
en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro
e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade.
Amais, ao desenvolverse en temporada turística baixa, o programa tamén permite
dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de
postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade,
desestacionalizando así a demanda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario