O investimento per cápita previsto na provincia achégase aos 178 euros
― As actuacións en materia de estradas reciben a maior partida, cun investimento de 79,2 M€, para avanzar, entre outras, na VAP Tui-A Guarda, con case 11 M€ en 2022, ou na continuación da autovía Santiago-A Estrada, con 4 M€
― A Xunta continuará desenvolvendo o Plan de sendas, cun orzamento de 5,8 M€ para itinerarios en estradas autonómicas en Moaña, Poio, Valga ou Vilanova de Arousa
― Os orzamentos recollen preto de 18 M€ para obras de conservación, vialidade invernal ou reforzos de firmes nas estradas autonómicas da provincia
― Infraestruturas avanzará nas obras de ampliación do Hospital Gran Montecelo, con 35,5 M€, e nos Centros Integrais de Saúde de Vigo e de Lalín, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos de Sanidade
― A Dirección Xeral de Mobilidade investirá o próximo ano 35,2 M€ na provincia, dos que 21,7 M€ van dirixidos ao Plan de Transporte Público
― A Consellería de Infraestruturas executará en 2022 as obras de urbanización do eido do Campus do Mar da ETEA en Vigo, con 3,7 M€ o vindeiro ano, en que tamén se investirá 1,5M€ na mellora da seguridade viaria das estradas autonómicas na cidade e se impulsará un proxecto de mobilidade sostible en Beiramar
― Augas de Galicia investirá na provincia 35,8 M€ enfocados ao reforzo dos sistemas de abastecemento, do saneamento das rías e á prevención das inundacións, con investimentos por importe de 14 M€ na ría de Pontevedra ou máis de 6 na de Arousa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará en 2022 preto de 168 millóns de euros na provincia de Pontevedra, o que supón un investimento per cápita de máis de 177 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos de 2022.
As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de 79,2 millóns de euros.
Estas cifras permitirán continuar apostando pola vertebración territorial, intensificar o impulso da vías de altas prestacións libres de peaxes na provincia e manter as bonificacións da autoestrada do Val Miñor, ás que se prevé destinar no vindeiro ano 0,48 millóns de euros.
As contas para o vindeiro ano permiten avanzar nas obras da VAP Tui-A Guarda, coa reserva de preto de 11 M€ e unha previsión plurianual de investimentos que supera os 60 M€.
Estes presupostos tamén prevén unha partida de 4 millóns de euros para a continuación da autovía Santiago-A Estrada, avanzando nas expropiacións do segundo treito e na licitación das obras. As contas recollen investimentos plurianuais por importe de 50 M€.
A Xunta continuará desenvolvendo o Plan de sendas da provincia, coa previsión dun orzamento de 5,8 millóns de euros que permitirá acometer itinerarios en estradas autonómicas ao paso por concellos como Moaña, Poio, Valga ou Vilanova de Arousa.
A seguridade viaria segue sendo unha materia prioritaria, polo que en 2022 os orzamentos recollen partidas de preto de 18 millóns de euros ás actuacións de conservación, tanto de vialidade invernal como de reforzos de firmes nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra.
Ademais resérvanse partidas para o acondicionamento e mellora de estradas autonómicas na provincia, como por exemplo, a PO-230, a PO-234 ou a PO-325, cun investimento en 2022 que suma 750.000 € e compromisos plurianuais por un importe global de 2,75 millóns de euros.
Entre as actuacións previstas pola Axencia Galega de Infraestruturas tamén se inclúen o desenvolvemento da urbanización do Campus do Mar na ETEA en Vigo, cunha achega de 3,7 millóns de euros en 2022 e investimentos plurianuais de case 10 M€; ou o proxecto de mobilidade sostible na avenida de Beiramar, nesta mesma cidade, cun investimento de 3,5 M€, dos cales 1,5 M€ teñen xa anualidade de 2022.
As cifras prevén tamén actuacións de posta en valor e mellora da iluminación das pontes ou a rehabilitación da ponte que conecta Salvaterra de Miño e Monçao.
Tamén se mantén o compromiso da Xunta coa Variante de Alba, reservando en 2022 un investimento de 0,5 M€ e unha previsión plurianual que suma 9 M€.
Infraestruturas sanitarias
O departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén executará actuacións no eido das infraestruturas sanitarias, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.
Neste sentido, as contas reservan 35,6 M€ para avanzar na reforma e ampliación do Hospital Gran Montecelo. Ademais impulsarase a execución dos Centros Integrais de Saúde de Vigo, cunha achega de 2,3 M€; e de Lalín, coa reserva de 7,8 millóns.
Mobilidade
No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá o próximo ano de 35,2 millóns de euros, dos que 21,7 M€ van dirixidos ao Plan de Transporte Público de Galicia nesta provincia. Ademais resérvase unha partida de 1,5 M€ para financiar a gratuidade no autobús da Xunta aos menores de 21 anos, co emprego da tarxeta Xente Nova.
Este departamento inclúe ademais nas súas contas un investimento de 1,98 M€ no Transporte metropolitano, cuxos beneficios se estenderán ao conxunto dos cidadáns de Galicia, coa implantación da Área de Transporte de Galicia.
Tamén se avanzará na dixitalización do sistema de transporte público, coa reserva dun orzamento de 820.000 €, que redundará na mellora dos servizos prestados aos cidadáns, como a mellora dos sistemas de información aos usuarios do paso dos servizos en tempo real.
A Xunta tamén prevé unha partida de case 2,7 M€ para o complexo intermodal de Vigo e de 1,4 M€ para o de Pontevedra, investimentos para afrontar os últimos remates e para a certificación final das obras.
Tamén se impulsarán nodos de comunicación intermodal en estacións como a de Cangas ou a de Vilagarcía de Arousa, para os que se reserva un investimento en 2022 de máis de 1,7 M€.
O Executivo autonómico optimizará as infraestruturas de transporte no rural, promovendo unha rede de mobilidade segura a través de actuacións integrais, con diferentes partidas que suman case 1,4 M€ e que suporán a mellora das paradas de autobús e a dotación de marquesiñas, así como reparacións nas estacións de autobuses.
Actuacións hidráulicas
En relación ás obras hidráulicas, Augas de Galicia contará cun orzamento de 35,8 M€, que permitirá continuar traballando no reforzo dos sistemas de abastecemento, avanzando no saneamento integral das rías ou na prevención dos riscos de inundacións.
De xeito acorde co impulso do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, co que a Xunta quere apoiar aos concellos que así o desexen nun mellor desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, os orzamentos de 2022 ofrecerán o soporte económico para avanzar nese camiño de colaboración cos municipios.
Crearanse dúas liñas de axuda para a redaccións de plans para a redución de perdas nas redes de abastecemento e para o control de vertidos e infiltracións nas redes de saneamento municipais.
Manteranse as liñas de axuda xa iniciadas ás comunidades de usuarios para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento e a calidade da auga.
Desenvolverase unha liña de melloras de eficiencia enerxética co obxectivo de reducir o impacto dos incrementos da factura eléctrica na xestión das depuradoras, xa que a compoñente enerxética é un dos maiores custos na prestación do servizo.
O organismo hidráulico prevé acometer melloras nas redes de abastecemento en concellos como Valga (0,20 M€), A Estrada ( 0,77 M€) ou Arbo (0,83 M€), entre outros municipios.
A xestión do risco de inundacións continuará sendo unha materia estratéxica para Augas de Galicia, polo que destina a este fin máis de 3 millóns de euros dirixidos a actuacións de prevención no río Ulla-Sar en Padrón e en Valga; nos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar; no concello de Baiona ou en Oia.
O Goberno galego continuará apostando polo saneamento da ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres, xa en fase de probas, a construción do novo emisario submarino (9 M€), ou o impulso de outras actuacións recollidas no Plan de saneamento local, como a do río Lameira, en Marín (0,95 M€), a través dunha achega global que suma 14 M€.
A ría de Arousa tamén será obxecto de actuacións en materia de saneamento e depuración, cunhas achegas en 2022 que superan os 6 M€ e compromisos plurianuais por 22,9 M€. Augas de Galicia proxecta intervencións como a mellora da depuradora de Tragove, en Cambados (1,41 M€); a mellora do bombeo e colector de Cabanelas, en Cambados e Ribadumia (0,51 M€); o reforzo do sistema de saneamento en Vilanova de Arousa (2,5M€); a mellora dos sistemas de saneamento e depuración en Vilagarcía (1,65M€); ou a mellora dos sistemas de saneamento e depuración da Illa de Arousa (111.000 €).
A Xunta tamén impulsará proxectos de mellora do saneamento en Teis, en Vigo, coa reserva de máis de 1 M€; en Lalín, con case 1 M€ (e compromisos plurianuais que suman 6,44 M€); Soutomaior (0,42 M€); Vilaboa (0,67 M€); Campo Lameiro (0,4 M€) ou Mos (0,39 M€).
Ademais resérvase unha partida de 0,47 M€ para confinanciar a obra da depuradora de Ponteareas, declarada de interese xeral do Estado
No hay comentarios:
Publicar un comentario