Preséntase como o eixo de acción das políticas públicas centradas na mocidade que vai desenvolver o goberno provincial nos próximos anos. Luis López: “É un plan que se basea en tender pontes e na escoita activa de todos os sectores implicados”
A Deputación avanza tamén na publicación de novas liñas de axuda de apoio á xuventude da provincia, como “O teu espazo xuvenil” ou o programa “Vive o rural”
A Deputación de Pontevedra está a avanzar na posta en marcha do I Plan Estratéxico Provincial de Xuventude, o eixo de acción das políticas públicas que vai desenvolver a institución provincial centradas na mocidade nos vindeiros anos. Así o anunciou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, ao tempo que lembrou que é un plan que se basea “como ten costume este goberno, en tender pontes e na escoita activa de todos os sector implicados: os concellos, a Xunta de Galicia, a mocidade e as asociacións xuvenís e internamente cos servizos da Deputación”.
Ademais, o presidente provincial deu a coñecer as convocatorias impulsadas pola Deputación cara a mocidade, así como para a intención do goberno provincial de constituír o Consello Provincial de Xuventude. Desta maneira, o novo servizo de Xuventude da Deputación ten en marcha numerosas iniciativas dirixidas á mocidade da provincia como +Xuventude, o Campamento da Lanzada, os Premios Provinciais á Xuventude ou o Ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos. Tamén está previsto que nos próximos días se publique a nova liña de axudas “O teu espazo xuvenil”, que cun orzamento de 100.000 € van dirixidas a dotar os locais xuvenís dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Ademais estase a tramitar o programa “Vive o rural”, unha liña de axudas dotada con 30.000 euros para financiar actividades medioambientais promovidas por ANPAS e Centros Educativos Públicos en granxas escolas da provincia. E o servizo ten en marcha o redeseño dun apartado propio na web da Deputación para dar resposta á xuventude e ao persoal técnico dos concellos, con información relativa a programas, axudas e espazos destinados á xuventude na provincia, dando a coñecer dende as accións lideradas pola Deputación, ata axudas, infraestruturas ou actividades para a xuventude que promoven os concellos ou a Xunta de Galicia.
Luis López tamén anunciou que está prevista a organización dun Encontro Provincial de Xuventude e de mesas de traballo e xornadas técnicas de formación cos concellos, tras ter detectada na primeira xuntanza celebrada no Edificio Administrativo da Deputación unha demanda de formación e cooperación para poñer en común experiencias e propostas. “Estamos avanzando, a pasos axigantados, no compromiso que adquirimos ao comezo deste mandato coa xuventude, o futuro desta provincia”, asegurou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario