Luis López reestrutura o goberno provincial e sitúa a Luisa Sánchez como vicepresidenta responsable das áreas de Deporte, Economía e Impulso ao Emprego - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 15 de marzo de 2024

Luis López reestrutura o goberno provincial e sitúa a Luisa Sánchez como vicepresidenta responsable das áreas de Deporte, Economía e Impulso ao Emprego


Sánchez tomou posesión da súa acta de deputada provincial este mércores nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada no Pazo Provincial

O vicepresidente Rafa Domínguez suma as responsabilidades en Xacementos Arqueolóxicos ás actuais de Museo de Pontevedra e convento de Santa Clara

O deputado provincial Jorge Cubela farase cargo da área de Cultura, ademais de manter as súas atribucións en Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural

Javier Tourís engade ás súas competencias de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos a xestión da Estación Fitopatolóxica do Areeiro

López valorou o “novo impulso” do goberno provincial e celebrou a chegada da nova vicepresidenta: “A Deputación gaña unha persoa solvente, o deporte e a economía a unha entusiasta de ambos eidos e Vigo a unha persoa que defenderá á cidade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comunicou este mércores a reestruturación do actual goberno da Deputación Provincial de Pontevedra no que a nova deputada Luisa Sánchez será designada vicepresidenta provincial con competencias en Deportes, Economía e Impulso ao Emprego, ademais de ser a deputada de referencia tanto en Vigo como na súa contorna. Sánchez tomou posesión da súa acta de deputada provincial nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá no Pazo.

“Eu sei que vou contar dentro do goberno cunha compañeira disposta, preparada e leal. Pero o máis importante é que todos saímos gañando. A Deputación vai contar cunha persoa dunha solvencia máis que acreditada, tras unha traxectoria de 25 anos nunha das empresas máis importantes da provincia e na xestión sanitaria. O deporte e a economía da provincia abrirán as súas portas a unha entusiasta de ambos eidos, como pronto nos demostrará. E Vigo gaña a unha persoa que non escatimará en cordialidade nin en rotundidade cando se trate de defender os intereses da cidade e da área máis importante de Galicia”, salientou Luis López para dar a benvida á nova deputada.

Con esta reestruturación, producida logo da saída do executivo de Marta Fernández-Tapias, o vicepresidente Rafa Domínguez pasará a ser vicepresidente primeiro con competencias en Museo de Pontevedra, convento de Santa Clara e –como novidade— Xacementos Arqueolóxicos. Pola súa banda, o deputado Jorge Cubela, encargado actualmente do departamento de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, asume tamén a área de Cultura. Finalmente, Javier Tourís incorpora a xestión da Estación Fitopatolóxica do Areeiro ao seu labor como responsable dos servizos de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos.

O mandatario provincial quixo tamén manifestar o seu agradecemento polo labor desenvolvido polo seu goberno ao longo destes primeiros sete meses de goberno. “Un tempo no que os deputados demostraron estar sobradamente á altura do seu cometido e no que logramos fitos salientables como o +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da historia; a recuperación das axudas ao tecido asociativo, un pulo importante ao deporte, o relanzamento de Santa Clara, o compromiso con Balaídos e a colaboración para reabrir o Cine Fraga ou as primeiras axudas da historia á xuventude”, recoñeceu o presidente do goberno da Deputación.

“O mellor goberno posible”

Os restantes membros do goberno provincial continuarán exercendo as atribucións que tiñan delegadas ata o de agora. Sandra Bastos mantense como deputada de Igualdade e Benestar Social; Roberto Carrero, de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais; Nava Castro, de Turismo; Isabel Couselo, de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación; Marcos Guisasola, de Medio Ambiente e Mar; María Ramallo, de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital; Alejandro Lorenzo, de Xestión Tributaria, Patrimonio e Formación; José López, de Cooperación Local e Emerxencias; e Jesús Vázquez Almuiña, de Asistencia aos Concellos, Transparencia e Administración Xeral.

“Con esta reestruturación damos un novo impulso a un goberno plural en perfís e en orixes; unido polo talento, a solvencia e a ambición por mellorar; e que achegará a experiencia e renovación que precisamos para conquistar novas metas. Temos por diante aínda moito por facer, moito por resolver e moito por proxectar; pero farémolo coa seguridade de contar co mellor goberno posible”, concluíu o presidente Luis López.

No hay comentarios:

Publicar un comentario