Cada entidade recibirá ata 1.000 € para que poida desfrutar de actividades de posta en valor do patrimonio natural, cultural e etnográfico da provincia contratando empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local
A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo para que entidades sociais da provincia poidan solicitar axudas no marco do programa “+Convivencia”, dotado con 220.000€. Trátase dunha iniciativa dirixida a entidades sen fins de lucro para que percorran a provincia, compartan experiencias, creen espazos de participación e poñan en valor o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural de Pontevedra ao tempo que dinamizan o comercio local.
No marco de “+Convivencia”, a Deputación ofertará un amplo catálogo de actividades e rutas que inclúe propostas de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Para organizalas, e como novidade, cada entidade recibirá ata 1.000 euros para que, con total autonomía, poidan contratar empresas do tecido máis próximo e estimular a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.
As actividades de “+Convivencia” están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades permanecerá aberto entre este luns, 15 de abril, e o 1 de decembro. A data límite para realizalas será o 15 de decembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario