A institución provincial destina máis de 220.000 euros a esta iniciativa, que permitirá acceder ao turismo de saúde na súa dobre función de tempo de vacacións e tratamento sanitario
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases do programa de termalismo social “+Benestar”. Con esta iniciativa, que conta cun orzamento superior aos 220.000 euros, a Deputación facilitará o acceso de ata “2.127 persoas maiores da provincia ao turismo de saúde para que se poidan beneficiar da súa dobre función: como un tempo de vacacións e como tratamento sanitario”, sinalou o presidente provincial.
A Deputación ofrecerá, tal e como explicou Luis López, “estancias de seis días e cinco noites nun hotel con balneario, talaso, spa ou instalacións similares” para estas máis de 2.100 persoas empadroadas na provincia que deben cumprir algún dos seguintes requisitos: ser maiores de 55 anos ou, no caso de non chegar a esta idade, contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado un respiro familiar. 2.097 das prazas estarán subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 30 resérvanse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total.
Luis López sinalou que “+Benestar” está dirixido a todos os concellos da provincia e que, nestes momentos, conta con 54 concellos que prestan a súa colaboración para facilitar ás persoas interesadas a realización dos trámites e axudas. Neste eido, o presidente adiantou que os concellos que o desexen poden solicitar adherise ao rexistro de municipios colaboradores cando así o consideren.
Coa aprobación das bases, a Deputación porá en marcha en breve o procedemento para contratar a empresa encargada de executar o programa, e de cara ao verán “publicaremos as bases para que as persoas poidan solicitar praza para participar nun programa que, estamos convencidos, será dun grande éxito”, asegurou o presidente provincial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario