O programa, dotado con 600.000 €, busca colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a nosa cultura e lingua. “Se non fose por +Música, gran parte dos concellos nunca poderían gozar destas actuacións”, asegurou o presidente
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta en rolda de prensa da aprobación das actuacións enmarcadas no programa “+Música”. Trátase dun programa “co que buscamos a colaboración continua cos concellos, poñendo á súa disposición actuacións musicais potentes das que, se non fose a través dun programa destas características, gran parte deles nunca poderían gozar”, sinalou o responsable provincial. O orzamento total de “+Música” é de preto de 600.000 euros.
Luis López valorou o satisfactorio resultado da convocatoria, pois “todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, os 59, realizarán actuacións ao abeiro de +Música”. Os eventos terán lugar entre maio e setembro e a eles destinaranse entre os 3.800 e os 15.000 euros en función do caché dos grupos solicitados. Ao abeiro do programa “+Música” programáronse “actuacións de grupos e artistas como Fillas de Cassandra, Guadi Galego, Luar na Lubre, Milladoiro, Roi Casal, Sés, A Roda, Astarot, Budiño, Dakidarría, DeVacas, Grande Amore, The Rapants ou Treixadura”, informou o presidente da Deputación, “un elenco que vai expandir a cultura galega por toda a provincia”.
Trátanse de formacións e artistas musicais incorporados previamente a un catálogo que se puxo á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes na web institucional. O seu punto en común é que todos eles levan a cabo nas súas actuacións interpretacións e composicións en lingua e de autoría galegas. Deste xeito, con “+Música” estase a contribuír ao fomento da cultura e da lingua galegas e a promover a reputación da provincia de Pontevedra como destino cultural.
O calendario de actuacións comezará en maio con cinco propostas (as datas están suxeitas a posibles cambios por circunstancias excepcionais): Treixadura, o 11 de maio en Vilaboa, Francisco Castro & A Banda dos Borges, o 17 de maio en Mos, Dakidarría e Boyanka Kostova, o 18 de maio en Bueu e Rodeiro respectivamente, e Lucía Pérez, o 26 de maio en Portas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario