Aínda que os prognósticos das axencias meteorolóxicas non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecte a primeira mancha
O centro dependente da Deputación tamén advirte que a subida de temperaturas fomenta a actividade das eirugas do buxo, polo que cómpre manter tamén un nivel alto de vixilancia por se é preciso renovar o tratamento ou realizar unha primeira intervención
Aínda que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro non observou esta semana síntomas de mildio nas viñas e que os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas para os vindeiros días non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno, o centro dependente da Deputación aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecte a primeira mancha. Tamén recomenda considerar renovar a protección naquelas viñas que xa recibiran unha aplicación, debido ás choivas producidas.
Nestes momentos, Areeiro ten recibido información da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa, na zona de Baión, e doutra sen esporular en Arbo . A detección, só destas dúas manchas, pode explicarse polo escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas.
Bolboreta do buxo e enfermidades nos cítricos
O centro dependente da Deputación de Pontevedra tamén recomenda manter un nivel alto de vixilancia da bolboreta do buxo, xa que a subida de temperaturas favorece a actividade das eirugas. Deste xeito, tanto en sebes tratadas como nas que non o están, hai que realizar revisións periódicas para valorar se cómpre renovar o tratamento xa realizado ou acometer a primeira intervención.
Ademais, debido á climatoloxía húmida, os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e é probable que caian prematuramente. Neste eido, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia de enfermidades nos cítricos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario