A institución provincial destinará 520.000 € para sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios, e 110.000 € para que os concellos poidan atender á cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas por valor de 630.000 € para facer fronte a políticas sociais na totalidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Pontevedra. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024, que contan cun orzamento global de 3,6 millóns de euros, do que deu conta o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, en conferencia de prensa.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación aproba 521.347 para estes concellos. Destes recursos, 216.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 295.000 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, A Lama recibirá 37.577 euros, Barro 39.068 €, Caldas de Reis 65.622 €, Campo Lameiro 34.685 €, Cuntis 58.512 €, Moraña 30.298 €, Poio 110.796 €, Ponte Caldelas 67.119 €, Portas 43.178 € e Vilaboa 34.490 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial aprobou 110.500 euros, para que os concellos da contorna de Pontevedra poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Lama recibirá 10.800 euros, Barro 10.800 €, Caldas de Reis 11.800 €, Campo Lameiro 10.800 €, Cuntis 9.300 €, Moraña 9.300 €, Poio 13.800 €, Ponte Caldelas 12.800 €, Portas 9.300 € e Vilaboa 11.800 €.
As Axudas Básicas de Emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario