― Esta actuación contribuirá á mellora de seguridade, especialmente para os peóns, no tramo entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8
― A Xunta prevé convocar as expropiacións no segundo semestre de 2024, co obxectivo de que o vindeiro ano a obra estea executada
― A intervención prevé a transformación da intersección en “T” existente na conexión desta vía coa PO-310 nunha glorieta cun diámetro exterior de 30 metros
― Tamén se inclúe a execución de sendas peonís en ambas as marxes da PO-531, entre a nova glorieta e a VG-4.8
― Acondicionarase a intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao CEIP Campañó, e habilitaranse nesta contorna dúas zonas de aparcadoiro
- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación de mellora de seguridade da estrada autonómica PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, en Pontevedra, que suporá un investimento de preto de 975.000 euros.
As obras engloban o treito da vía autonómica entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8 e teñen por obxectivo contribuír á mellora de seguridade neste tramo da PO-531, especialmente para os peóns, a través dun conxunto de actuacións que tamén favorezan a mobilidade e a fluidez do tráfico.
O DOG publica o acordo do Consello da Xunta do pasado día 15 polo que se aprobaron o trámite de información pública e o proxecto definitivo de trazado para este itinerario. Esta información pode ampliarse no seguinte enlace ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240425/AnuncioG0181-220424-0002_gl.html
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no segundo semestre de 2024, co obxectivo de que as obras poidan estar executadas no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de 8 meses.
A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Executivo autonómico leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. En total son 13 predios e a superficie de expropiación será de 2.201,42 m2.
Xa no detalle das obras, a intervención comezará pola transformación, en glorieta, da intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 desta vía, na súa conexión coa estrada PO-310. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.
Prevese a execución de sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a glorieta da VG-4.8. As sendas terán un ancho mínimo de 2 metros, incluíndo unha zona axardinada de 50 centímetros segundo as zonas.
Entre as actuacións deseñadas, proponse a eliminación dos xiros á esquerda e os carrís centrais de espera entre as dúas glorietas.
Acondicionaranse as paradas de autobús existentes, incluíndo a instalación de refuxios.
Ademais, procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.
No hay comentarios:
Publicar un comentario