A Deputación advirte da importancia de manter un nivel de alerta máximo ante o mildio nas viñas pola previsión meteorolóxica da fin de semana - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 8 de junio de 2024

A Deputación advirte da importancia de manter un nivel de alerta máximo ante o mildio nas viñas pola previsión meteorolóxica da fin de semana

 

Areeiro lembra que estamos ante unha climatoloxía favorable para o desenvolvemento de moitos patóxenos e lembra da importancia das aplicacións fitosanitarias e dun adecuado manexo da viña

 

A Estación Fitopatolóxica Areeiro acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que advirte da importancia de elevar o nivel de alerta ao máximo ante o ambiente tormentoso que xa se está a producir, e que se agarda vaia a máis cara a fin de semana, xa que representa unha climatoloxía moi favorable para o desenvolvemento de moitos patóxenos, entre eles o causante do mildio. Desta maneira, os técnicos observaron xa ao longo desta semana que, debido ás condicións nocturnas, que foron propicias para a frutificación, apareceron novas manchas nas viñas, tanto nas da rede de Areeiro como noutras, máis aínda naquelas viñas abandonadas. 

No relativo aos acios, tan só hai algún afectado de maneira moi esporádica, pero trátase de casos nos que houbo un exceso de vexetación. Desta maneira, o persoal de Areeiro lembra que tan importante como as aplicacións fitosanitarias é un adecuado manexo da viña, para favorecer a ventilación e evitar as retencións de humidade. De feito, o mencionado exceso de vexetación foi o responsable do ataque máis forte de mildio observado ata o momento nesta campaña, nunha viña con moitos acios, follas e pampos afectados.

As previsións meteorolóxicas, que anuncian un episodio de tormentas con forte aparato eléctrico e precipitacións abundantes o sábado, establecen tamén que as mínimas serán altas, por enriba dos 19ºC, o que implica un risco extremo en relación ao mildio. Por iso, os técnicos de Areeiro recomendan comprobar o estado das plantas para actuar a tempo en caso necesario, sobre todo aquelas persoas que non aplicasen tratamentos antimildio, que aínda deben facerse con funxicidas sistémicos, nos últimos días. Aínda que o prognóstico é que a situación se estabilice entre o domingo e o luns, lembran que será preciso manter un nivel de alerta máximo por se non se controlaron ben as infeccións existentes.

Por outra banda, o centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da aparición de novas variedades de vide afectadas polo oídio que, se ben non presentaban síntomas nas follas, si o facían no gran. As néboas e a luz difusa que se están a dar na actualidade e que son relativamente frecuentes ao longo deste mes na nosa zona, son factores que o favorecen en grande medida polo que os futuros tratamentos que se apliquen deben incorporar sempre un antioídio, considerando ademais que este patóxeno é tremendamente difícil de xestionar si se introduce nun predio. 

Por último, no relativo ao black rot, se ben non se observou un incremento dos síntomas nesta semana, as temperaturas elevadas e a humidade tamén alta lle son favorables. Por iso, naquelas zonas ou predios onde soe haber síntomas os técnicos de Areeiro recomendan empregar funxicidas antimildio e antioídio con actividade fronte a este outro fungo. Ademais, continúa habendo poucas capturas de machos de avelaíñas da uva nas trampas e, aínda que se observou algún niño (glomérulo) máis, a súa presenza segue a ser baixa.

Recomendacións para outras plantas

Ademais das recomendacións para a viña, a Estación Areeiro no seu aviso fitosanitario lembra a existencia de mildio tamén en plantas de horta. De feito, coas condicións climatolóxicas actuais e as que se prevén para a fin de semana e debido á proximidade destas plantas ao solo, recomendan renovar a protección naqueles cultivos nos que non se estea a producir a colleita ou que esta non estea próxima. Por último, ao longo desta semana seguiron incrementándose as capturas de machos de tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana) nas trampas de Areeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario