A XUNTA E O CONCELLO DE PONTEVEDRA DESBLOQUEAN A VARIANTE DE ALBA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 24 de junio de 2024

A XUNTA E O CONCELLO DE PONTEVEDRA DESBLOQUEAN A VARIANTE DE ALBA

 


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron unha xuntanza para abordar actuacións estratéxicas no municipio


      O proxecto está supeditado á disposición do informe favorable do Ministerio de Transportes confirmando a viabilidade do enlace da variante coa estrada N-550, documento que o Concello se comprometeu a acadar

      Martínez Allegue explicou que unha vez se dispoña dese informe, a Xunta iniciará toda a tramitación para impulsar a variante, partindo do deseño consensuado co Concello

      Subliñou que o obxectivo desta intervención é mellorar tanto o tránsito dos vehículos como dos peóns nesta contorna, acadando unha mobilidade segura e sustentable

      No encontro tamén se puxo de manifesto a vontade de ambas administracións para acometer a recuperación da Xunqueira da Gándara

 

 A Xunta e o Concello de Pontevedra desbloquean a variante de Alba, que conectará entre si as estradas que unen a cidade con Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron hoxe unha xuntanza para abordar esta actuación estratéxica, para a que a Xunta conta cun presuposto estimado de 9M€.

Este proxecto está supeditado á disposición do informe favorable do Ministerio de Transportes confirmando a viabilidade do enlace da variante coa estrada N-550, documento que o Concello de Pontevedra se comprometeu a acadar canto antes.

Martínez Allegue explicou que unha vez se dispoña dese informe estatal, a Xunta iniciará toda a tramitación necesaria para impulsar o vial, coñecido como variante de Alba.

Así, partindo do deseño consensuado co Concello, levaranse a cabo o procedemento de avaliación ambiental correspondente e a aprobación do proxecto de trazado para continuar avanzando cara a execución das obras.

A conselleira subliñou que o obxectivo desta intervención é mellorar tanto o tránsito dos vehículos como dos peóns nesta contorna, acadando unha mobilidade segura e sustentable.

Na reunión tamén abordaron actuacións en materia de vivenda no Concello de Pontevedra. Neste sentido, os técnicos autonómicos e municipais están a traballar de xeito coordinado para poder establecer o ámbito delimitado para a construción de vivendas por parte do Goberno galego.

A Xunta e o Concello coincidiron en que no marco dos proxectos de interese autonómico, os urbanizables se deben atopar a unha distancia no superior a 1,5 quilómetros da zona da Peregrina co fin de manter a cidade compacta.

Ademais no encontro tamén se puxo de manifesto a vontade de ambas administracións para acometer a recuperación da Xunqueira da Gándara.

María Martínez tamén avanzou que as obras na estrada PO-546, no treito entre Mollavao e Os Praceres, comezarán este outono.


No hay comentarios:

Publicar un comentario