O presidente provincial anunciou que con estes recursos poranse a disposición dos concellos tres novas ferramentas: o novo visor de transparencia, a integración coa Carpeta Cidadá do Estado e a plataforma de indicadores da Axenda Urbana e dos ODS
A Deputación de Pontevedra continúa transformando dixitalmente os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a través do programa de dixitalización financiado con fondos europeos que beneficia a un total de 50 concellos. Desta maneira, o presidente provincial, Luis López, acaba de anunciar en rolda de prensa que xa están a disposición dos diferentes municipios tres novas ferramentas cun investimento que ascende a 655.000 euros. “Trala entrega de 640 equipos informáticos a concellos, da posta en marcha da aplicación “Meu Concello” o da a habilitación de Bizum para o pago de taxas e tributos no ORAL, seguimos dando pasos para adiante para que os municipios se sumen ao tren das novas tecnoloxías e da administración dixital”.
En primeiro lugar, cun investimento de máis de 40.000 € habilitouse un visor de transparencia para 25 concellos, coa finalidade de que cumpran con toda a normativa vixente nesta materia, e por extensión, ofrezan aos cidadáns información en materia de Orzamentos, contratación pública, subvencións e organización do concello. Todo, a través de indicadores medibles, obxectivos e verificables. Poderán acceder a través de <nomedoconcello>.portal-transparencia.org.
En segundo lugar, e tras un investimento de 520.000 €, a Deputación ofrece a 48 concellos a integración dos seus sistemas de administración electrónica coa Carpeta Cidadá do Estado, de tal maneira que os veciños teñan un punto único de acceso para consultar expedientes e documentos, facer o seguimento dos trámite, presentar solicitudes ou recibir notificacións administrativas, entre outras.
Por último, por medio dun investimento de 95.000 €, 28 concellos terán acceso a unha plataforma con indicadores dos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para avaliar o grao de cumprimento dos mesmos. A plataforma disporá de mapas e cadros de mando que lles permitirán coñecer se van na dirección axeitada en sustentabilidade, igualdade, benestar... e en xeral todos os contidos da Axenda Urbana e dos ODS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario