Luis López dá a benvida ao goberno provincial a Ricardo Martínez, que se encargará das áreas de Novas Tecnoloxías e Contratación - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 18 de enero de 2025

Luis López dá a benvida ao goberno provincial a Ricardo Martínez, que se encargará das áreas de Novas Tecnoloxías e Contratación

Benvida ao goberno provincial a Ricardo Martínez

A incorporación do alcalde de Portas, que tomou posesión do seu cargo nun pleno extraordinario, motiva a reorganización do goberno: Belén Cachafeiro pasa a ser responsable de Infraestruturas e Mobilidade e Javier Tourís suma Fondos Europeos

 “Os tres son garantía de traballo, xestión solvente e novas ideas. Intégranse nun goberno que calquera outra Administración Pública querería para si”, afirma López

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, dá a benvida ao novo deputado provincial Ricardo Martínez, que tomou posesión do seu cargo este venres nunha sesión plenaria extraordinaria para ocupar o lugar deixado pola xa exdeputada Isabel Couselo. O alcalde de Portas incorpórase ao goberno provincial como novo responsable das áreas de Novas Tecnoloxías e Contratación, segundo informou o presidente na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno. “Ricardo, ao que todos coñecen como alcalde de Portas, é un magnífico servidor público”, salientou López sobre o novo deputado.

A chegada de Ricardo Martínez e a saída de Isabel Couselo estaba prevista para mediados de ano, cando se cumprirán os dous anos de mandato. Con todo, a incorporación da exdeputada cuntiense á Consellería de Cultura acelerou a remuda e motivou a reorganización das áreas de goberno. Tal e como informou o titular do goberno provincial, a deputada Belén Cachafeiro asume a partir de agora as competencias que xestionaba Couselo en materia de Infraestruturas e Mobilidade. Pola súa banda, o departamento de Fondos Europeos pasa das mans da deputada de Forcarei ás de Javier Tourís, que incorpora esta carteira ás de Acción Comunitaria e Estación Fitopatolóxica do Areeiro. 

“Os tres son garantía de traballo, de xestión solvente e de novas ideas que, ademais, se integran nun goberno que calquera outra Administración Pública querería para si”, recoñeceu o presidente Luis López, quen aproveitou a ocasión para reafirmar que “como presidente, estou moi satisfeito do seu traballo”.

Toma de posesión

O novo deputado, Ricardo Martínez, tomou posesión do seu cargo esta mañá de venres nunha sesión plenaria extraordinaria. Despois de xurar cumprir cos seus deberes como deputado, o alcalde de Portas recibiu as felicitacións de toda a corporación e unha mensaxe de benvida por parte do presidente Luis López, quen lle desexou sorte, acertos e amosou o seu orgullo por incorporar ao un equipo de goberno “extraordinario” a un novo alcalde cunha marcada vocación “municipalista”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario