
Ofertaranse un total de 68 obradoiros co fin de facilitar a relación das persoas maiores dos concellos de reto demográfico coas administracións públicas, así como a súa alfabetización dixital en calquera ámbito da vida
Poderán participar 34 concellos de reto demográfico da provincia de Pontevedra e o prazo de adhesión estará aberto entre os días 3 e 31 de marzo
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases do novo programa +Reto Dixital, dirixido aos concellos de reto demográfico da provincia co obxectivo de formar e capacitar as persoas maiores de 50 anos en competencias dixitais. Cun orzamento de preto de 30.000 euros, o que se busca con estas accións é facilitarlles a súa relación coas administracións públicas (especialmente para garantir unha cobertura adecuada e acceso a servizos públicos como a sanidade, servizos asistenciais e atención á dependencia), así como a súa alfabetización dixital en calquera ámbito da súa vida cotiá.
Ao abeiro do +Reto Dixital organizaranse un total de 68 obradoiros divididos en cinco temáticas: administración electrónica, a sede electrónica da Deputación e do concello, Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA, uso da banda móbil e as compras electrónicas e, finalmente, redes sociais. Pódense beneficiar destas accións 34 concellos da provincia, todos os recoñecidos como concellos de reto demográfico agás Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves, xa que nestes catro concellos foi onde se realizou o proxecto piloto Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural entre os anos 2022 e 2024.
O prazo de adhesión dos concellos abrirá o próximo 3 de marzo e pechará o 31 dese mesmo mes. As actividades deberanse realizar ao longo do ano 2025 (entre os meses de xuño e decembro), e o alumnado por cada acción deberá ser dun mínimo de oito persoas e un máximo de 15. Os cursos, de cinco horas de duración, terán un custo de cinco euros por persoa.
O programa +Reto Dixital obedece a unha realidade na que a dixitalización de numerosos servizos e xestións da vida cotiá provoca unha fenda dixital entre xeracións e colectivos sociais que non deixa de medrar. Isto repercute especialmente ao medio rural, debido á súa menor densidade de poboación, a que esta está cada vez máis envellecida e a que a prestación de servizos presenciais tende a desaparecer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario