― Esta actuación suporá un investimento autonómico que rolda os 635.000 euros
― Trátase de intervir no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra en 10 estradas ao paso polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei
― Nos vindeiros meses aprobarase o proxecto construtivo e procederase a xestionar as expropiacións, co obxectivo de licitar as obras e que se poidan executar no ano 2026
― Acondicionaranse os carrís para as paradas do autobús, mellorarase a accesibilidade e pavimentarase a contorna coa execución de sendas ou beirarrúas
― As actuacións inclúen a dotación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e o incremento da visibilidade e iluminación
A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 27 paradas de autobús situadas en 10 concellos das contornas de Pontevedra, do Salnés e de Tabeirós, que suporá un investimento autonómico que rolda os 635.00 euros.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé aprobar nos vindeiros meses o proxecto construtivo e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións, para licitar as obras de cara a súa execución no ano 2026. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.
Trátase da mellora das paradas de autobús na rede autonómica de estradas no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra, no seu percorrido polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei.
O DOG recolle o acordo do Consello da Xunta da semana pasada, día 10 de marzo, polo que tamén se deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nun total de 10 estradas de titularidade autonómica: PO-222, PO-223, PO-226, PO-255, PO-531, PO-532, PO-536, PO-548, PO-549 e PO-841.
As actuacións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.
Ademais colocaranse marquesiñas deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
Esta intervención da Xunta é susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
A aprobación definitiva deste proxecto inclúe, tamén, a declaración de utilidade pública das intervencións no ámbito das rutas do transporte público de acceso polo norte á cidade de Pontevedra, polo que se dispón a ocupación dos 9 predios obxecto de expropiación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación acada os 342,41 m2.
Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario