A través deste novo contrato, de máis dun millón de
euros, amplíase o programa con novos servizos e unha oficina de asesoramento no
Polígono de Barro-Meis
As novidades incorporadas a SmartPeme nos últimos meses
supuxeron un incremento do 50% tanto nas demandas atendidas como na asistencia
ás actividades de formación
A Xunta de
Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a
contratación, por procedemento aberto, do servizo de evolución e xestión da
rede SmartPeme de Pontevedra por un importe de 1.315.000 euros (IVE engadido). A
través deste novo contrato, a institución provincial porá en marcha un novo servizo
de apoio ao sector turístico e outro para a mellora da competitividade
empresarial, así como unha nova oficina de asesoramento para as persoas
autónomas, emprendedoras e pemes no Polígono de Barro-Meis.
Máis polo
miúdo, co servizo de apoio ao sector turístico preténdese apoiar ás persoas
emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico no ámbito das TIC,
asesorándoas e capacitándoas en novas habilidades de corte tecnolóxico tomando
como referencia e guía o Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas. Amais, a
través deste novo servizo de apoio ao sector turístico impulsaranse, amais,
actividades formativas de alto impacto, un servizo de información e
asesoramento personalizados na materia e un calendario de accións promocionais
específicas.
En canto
ao novo servizo de asesoramento para a mellora da competitividade empresarial,
o obxectivo da institución provincial é impulsar a xestión, o asesoramento e a
capacitación das persoas usuarias de SmartPeme en materia de crecemento,
innovación e internacionalización empresarial.
Xunto a
estes dous novos servizos que porá en marcha a Deputación de Pontevedra a
través do novo contrato do servizo de evolución e xestión da rede SmartPeme na
provincia, tamén se creará unha nova oficina de asesoramento no Polígono de
Barro-Meis. Con esta nova oficina son xa sete (Pontevedra, Vigo, O Porriño,
Lalín, Cambados, Ponteareas e Barro-Meis) as que están a funcionar ao longo da
provincia de Pontevedra.
Amais,
todas estas novidades que trae o contrato de SmartPeme implican a contatación
de tres novas persoas asesoras: unha para a oficina de Barro-Meis, outra
especializada en turismo e outra en competitividade, o que redundará nunha
mellor atención das persoas autónomas e emprendedoras e pemes.
Nos
últimos meses foron moitas as melloras que a Deputación de Pontevedra puxo en
marcha en SmartPeme. Así, impulsouse un asesoramento telemático, un kit de
emprendedoras e emprendedores con ferramentas doadas e rápidas para cada unha
das fases do proxecto empresarial, o servizo “SmartPeme Informa” (atención de
temas de actualidade achegando información aos usuarios e usuarias do programa)
e “SmartPeme Conecta”(rede de contacto entre persoas demandantes de produtos e
empresas que teñen ese tipo de produtos). Novidades, todas elas, que supuxeron
xa unha mellora notable en SmartPeme que, este último ano, experimentou un
incremento de arredor do 50% tanto nas demandas atendidas como na asistencia ás
actividades de formación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario