§ Este documento, elaborado pola
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, entrará en vigor aos
20 días e permitirá a posta en marcha desta rede co obxectivo de harmonizar a
conservación da diversidade biolóxica e cultural
§ A creación desta nova figura
reforzará a posta en valor das reservas da biosfera como elementos que
contribúen ao desenvolvemento sustentable e á mellora do benestar da poboación
O Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se
crea a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, que entrará en vigor aos 20
días da súa publicación no DOG.
Este
documento elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do
Territorio garantirá a cooperación entre reservas e permitirá a súa interacción
e a súa actuación como unha auténtica rede de aprendizaxe do desenvolvemento
sustentable; ao tempo que reforzará a posta en valor das reservas da biosfera
como elementos que contribúen ao desenvolvemento sustentable e á mellora do
benestar da poboación.
As reservas
da biosfera son territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da
diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a
través da relación das persoas coa natureza.
Na
actualidade en Galicia existen seis espazos declarados, pola Unesco, como
reservas da biosfera, que son: Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares
Lucenses en Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, Río Eo, Oscos e Terras de
Burón, Transfronteiriza Gêres-Xurés, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. En
total, estas zonas suman 77.834,3 ha.
Así, os
obxectivos que se perseguen son a creación de novos vínculos entre as Reservas
da Biosfera declaradas en Galicia e o reforzamento dos xa existentes,
propiciando a colaboración entre todas as reservas integrantes da Rede e
fomentando a súa colaboración na realización de proxectos comúns.
Deste xeito,
tamén se cumpre cos contidos do Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas
da Biosfera, no que se regula a participación en rede ao considerar que se debe
propiciar a constitución e cooperación de subredes rexionais.
Nese sentido, preténdese reforzar e por en valor as Reservas
da Biosfera de Galicia, como elementos que contribúen ao desenvolvemento
sustentable e á mellora do benestar da poboación, así como promover o
coñecemento e difusión dos valores das Reservas da Biosfera de Galicia. Ao
mesmo tempo, o funcionamento en Rede das Reservas da Biosfera de Galicia
permitirá establecer sinerxías e colaborar con outras Redes territoriais ou
temáticas do Programa Home e Biosfera.
No hay comentarios:
Publicar un comentario