A Deputación de Pontevedra, recibiu
esta mañá á directiva de AJE Pontevedra, encabezada polo seu presidente, Pablo
Fernández, para a presentación do XXII Premio “Xove Empresario do Ano
Pontevedra” cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata o 29 de outubro ás
23.59 e cuxa entrega terá lugar o martes 31 de outubro ás 20.30 horas no Sexto
Edificio do Museo de Pontevedra.
A Deputación de Pontevedra amosou a predisposición para colaborar con AJE Pontevedra. “Xa o ano pasado
cedémoslle á asociación, por vez primeira, unha oficina no viveiro de
Barro-Meis para desenvolver un dos proxectos empresariais galardoados na
convocatoria do Premio durante un ano, prorrogable ata dous, e, este ano,
decidimos volver apostar por esta colaboración”, subliñou o deputado
provincial. Para Héctor Rodríguez, é fundamental “promover a cultura do
emprendemento entre a mocidade para impulsar o fortalecemento do tecido
empresarial na provincia de Pontevedra e xerar, así, desenvolvemento
económico”.
O XXII Premio “Xove empresario do Ano”, impulsado por AJE
Pontevedra, ten por obxectivos promover a cultura emprendedora, a innovación
empresarial, a creación de emprego e a internacionalización das pemes,
galardoando a aquelas persoas emprendedoras mozas que contribúen a crear
riqueza e emprego na nosa provincia.
Así, serán obxecto de galardón as ideas de negocio lideradas pola
mocidade da nosa provincia e que sexan viables técnica e economicamente.
En liñas xerais o premio consiste en dúas categorías. A
primeira delas, “Xove Empresario do Ano 2017” entrega como premio a oficina ou
nave no polígono industrial de Barro-Meis durante un ano, prorrogable a dous,
amais dun ordenador persoal, unha bolsa para cursar un MBA, un ano de
afiliación a AJE Pontevedra e unha escultura conmemorativa do evento. A segunda
categoría do premio denomínase “Xove Emprendedor do Ano 2017” e está dotada dun
ano nun dos viveiros do consorcio da Zona Franca de Vigo, un ordenador persoal,
unha bolsa para cursar un MBA, un ano de afiliación gratuíta en AJE Pontevedra
e unha escultura conmemorativa do evento.
Amais, as candidaturas presentadas, que teñen de prazo ata
o 29 de outubro ás 23.59, poderán optar a tres accésits na modalidade de
innovación, creación de emprego e empresariado con discapacidade así como un
premio honorífico ao empresariado de recoñecido prestixio da provincia de
Pontevedra.
A entrega do XXII Premio “Xove Empresario do Ano” terá
lugar o vindeiro martes, 31 de outubro, ás 20.30 horas no Sexto Edificio do
Museo de Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario