§ Un total de 108 centros introducen por
primeira vez este novo equipamento, 41 da provincia de Coruña, 10 de Lugo, 8 de
Ourense e 49 de Pontevedra
§ Este novo programa busca promover
entre o alumnado, desde idades temperás, a programación básica, robótica e
construción
§ O obxectivo da iniciativa, que se
enmarca na Estratexia galega para a educación dixital 2020, Edudixital, é
fomentar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre
o estudantado galego
A Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina
web a resolución (aínda provisional) da convocatoria do novo programa de
innovación educativa polo que se introduce a robótica en Primaria. En concreto,
esta iniciativa beneficiará a máis de 10.000 alumnos dun total de 108 centros,
que traballarán con kits de robótica durante este curso 2017/18. O obxectivo
último é favorecer a iniciación do alumnado, xa desde idades temperáns, na experiencia
de programación básica, robótica e construción.
Por provincias, 41 centros pertencen á Coruña,
10 a Lugo, 8 a Ourense e 49 a Pontevedra. Así
mesmo, o número de docentes implicados nesta primeira introdución da Robótica a
Primaria ascende a 300. Os detalles da resolución provisional poden consultarse
no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23301.
En concreto, o material estará conformado por
seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de
construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos
diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Cada centro, dentro da súa autonomía, pode
integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre
configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de
programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se
desenvolvan fóra do horario lectivo.
A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse
4º, 5º ou 6º de Primaria durante este curso, que ademais de adquirir nocións
básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas
STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Incremento
das vocacións científicas e tecnolóxicas
Este programa enmárcase dentro das accións da Estratexia
galega para a educación dixital 2020, Edudixital, presentada en Consello da
Xunta o pasado mes de setembro. Cómpre resaltar que o plan nace con dous
obxectivos principais. En primeiro lugar, busca lograr que todo o alumnado de
ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21
co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia
dixital e científico-tecnolóxica. Por outro lado, tamén se pretende romper coa
fenda de xénero nos estudos STEM.
Nos últimos anos, a Consellería puxo en marcha
accións específicas para promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o
alumando. Deste xeito, desde o curso 2015/16 impulsouse un cambio curricular a
través de novas materias de libre configuración como Robótica, Programación ou
Identidade dixital (esta última, de nova incorporación este curso).
Asociado ás ditas materias, no 2016/17
repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros
de secundaria. Tamén se estableceron marcos estables de colaboración con
entidades e sociedade civil, e desenvolvéronse outras accións (como Club de
ciencia ou Desafío STEM) que teñen como principal obxectivo estimular o
espírito científico entre a mocidade. Froito destas medidas, actualmente hai
máis de 12.000 alumnos implicados nalgunha acción vinculada a STEM e máis de
750 kits despregados.
Plan de
formación específico
Ademais, a Consellería puxo en marcha este
curso 2017/18 un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste
xeito, reforzar os coñecementos dos docentes nesta materia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario