§ A Consellería de
Infraestruturas e Vivenda impulsa así a activación deste Plan social de
transporte cos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade,
Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa
§ O Goberno galego cumpre co
seu compromiso de estender este ano a Pontevedra o Plan de transporte
metropolitano que xa funciona na Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo
§ O uso da Tarxeta de
Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes
metropolitanas, bonificacións adicionais do 15% para usuarios frecuentes, e
descontos extra de ata o 50% para familias numerosas
§ Os menores de 19 anos tamén
se están a beneficiar dende agosto de 2016 da tarxeta Xente Nova, coa que lles
resulta gratis o transporte interurbano metropolitano, polo que xa se emitiron
un total de 43.063 dispositivos
A Consellería de
Infraestruturas e Vivenda convoca para o vindeiro martes aos concellos da área
de Pontevedra para abordar a posta en marcha do Plan de Transporte
Metropolitano. Na xuntanza, na que participarán a conselleira Ethel Vázquez, e
o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentaráselles aos
municipios o proxecto previsto para o desenvolvemento desta iniciativa na
comarca de Pontevedra, coas súas estimacións económicas e as repercusións para
os usuarios.
Os municipios convocados
para abordar a posta en marcha do plan son Barro, Bueu, Campo Lameiro,
Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo,
Soutomaior e Vilaboa.
O Goberno galego cumpre así
co seu compromiso de estender este ano a Pontevedra o Plan de transporte metropolitano que xa
funciona na Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo.
Cómpre lembrar que a área
metropolitana de Pontevedra presenta a particularidade de que o concello de
Pontevedra carece de autobús urbano propio, ao igual que o concello de Ferrol,
polo que o servizo se presta con liñas interurbanas de titularidade da Xunta de
Galicia.
Plan social de transporte
O Plan de Transporte
Metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta de Galicia que persegue
fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito
importante, á economía das familias.
Este plan, que mediante o
uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas
viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas
bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A
administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que
se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun
mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.
Especialmente atractiva para
os cidadáns é a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016: a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte
interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos. Dende a entrada
en funcionamento desta iniciativa, lévanse emitido un total de 43.063 tarxetas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario