Caldas, máis de 15 anos cunha xustiza en galego - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 15 de abril de 2018

Caldas, máis de 15 anos cunha xustiza en galego




A xustiza é un ámbito no que usar galego é máis difícil que en calquera outro eido público. Ás xa coñecidas e aceptadas barreiras por motivos históricos e socioeconómicos se lle unen as deficiencias dun sistema no que o castelán predomina. Pese a todo iso, hai persoas cuxas conviccións persoais son máis grandes e fan o esforzo por ir contra o sistema e apostar por unha lingua nai e propia tamén na súa profesión. Grazas a elas, o partido xudicial de Caldas leva máis de 15 anos falando initerrumpidamente na lingua do "Fogar de Breogán", algo nin moito menos habitual.
Caldas consolídase coma unha "rara avis". O partido xudicial con sé na capital da comarca acumula más de 15 anos cun dos seus maxistrados impartindo xustiza en galego. E froito dese compromiso, mañá a partires das 13 horas está previsto un acto no que a Irmandade Xurídica Galega honrará aos xuíces que contribuiron a esta normalización lingüística. No acto, ademais, os alcaldes de Caldas, Cuntis, Moraña, Portas, Barro, Campo Lameiro, Valga e Pontecesures asinarán un compromiso para vencellar o galego a todos os eidos da vida pública, especialmente no tocante á xustiza.
Pero nada do que suceda mañá tería sentido sen o labor previo de Manuel Pereira, Dalina Dopazo e Encarna Dasi, os tres maxistrados que, co seu graniño de area, permitiron ao galego ter un pequeno recuncho nun mundo invadido polo castelán.
Manuel Pereira foi o pioneiro en Caldas dunha tradición que, coma os tres recoñecen, é froito do compromiso individual pero tamén da "casualidade". Pereira exerceu nos xulgados do Umia do 2002 ao 2005 e tras pasar por Lugo, agora traballa nos de Vigo. "No meu caso foi por unha decisión personal. Pensei que o galego era unha alternativa tan válida coma o castelán. E sabía que se titubeaba no seu uso, acabaría por non emplealo", expresa o maxistrado.
Pereira entende que o dereito é un ámbito "pouco proclive" á lingua autonómica "por tradición pero tamén polos elementos de traballo", polo que comprende que sexa "máis cómodo" traballar co castelán. "A maioría das ferramentas son en castelán, como os modelos informáticos para a resolución de trámites", analiza.
Sen embargo, el non atopa "obstáculo algún" no seu día a día: "Nas sentencias que eu dictamino non existe tal problema. Ademais, non hai directrices de ningún tipo e as leis nos amparan a quenes traballamos en galego. Nunca atopei ningún conflicto polas miñas resolucións".
Na mesma línea móvese Dalina Dopazo, que chegou a Caldas uns meses antes de que marchara Pereira e estivo no posto ata 2010. "Si que notei que en Caldas a xente era máis proclive a usar o galego. Euestiven moi influenciada polos meus preparadores, Luciano Varela y José Juan Barreiro", informa.
Dopazo, agora en Lugo, sinala que non existen "trabas" coma tal para o uso do galego, pero o problema é de fondo: "A diglosia fai que o idioma estea relegado no sector público. Inflúen moito as cuestións históricas e socioeconómicas".
Medo
A maxistrada recoñece que si atopou "maiores reticencias" que noutros ámbitos a usar o galego e existe certo "medo". Pero ten claro que o contexto sería moi diferente se a administración apostase de verdade polo idioma: "Noutros sectores hai un maior esforzo por promover o galego. Non pode ser que o programa informático estea exclusivamente en español".
Por todo iso, entende que a situación está "mal en xeral" e que só se avanzará se a administración "se moderniza e deixa de ser arcaica". "Debe eliminar obstáculos", finaliza.
A derradeira en chegar a Caldas foi Encarna Dasi. Leva nos xulgados desde 2010. A estradense explica que a súa foi unha decisión de "especial apego". "Teríame sido máis cómodo co castelán, pero cando cheguei a Caldas tiven máis tempo e puiden preparar o meu material para exercer en galego. Débolle moito a Alejandro Couselo, que me falou da Irmandade Xurídica Galega", lembra.
Dasi fai fincapé en que o partido xudicial tanto os cidadáns coma os avogados e os procuradores "falan en galego", polo que a ela lle "nace naturalmente" facelo tamén. Sen embargo,atopa unha enorme "falta de interese" por parte da Xunta de Galicia para pór os medios necesarios para traballar en galego. "Hai un deficiencia absoluta", incide antes de destacar a labor "fundamental" da Irmandade Xurídica para "animar, informar e promocionar unha lingua útil e fermosa para usar, moi válida tamén para o eido institucional".


http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2018/04/12/caldas-mais-15-anos-cunha/1871275.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario