O persoal técnico aconsella
funxicidas e insecticidas biolóxicos se hai que tratar as viñas fronte á
botrite e as couzas do acio
A calor destes días está
aumentando o grao alcólico das uvas e poderá adiantar a vendima. Así o indica
no seu último aviso fitosanitario o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica
de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, que constatou
un avance significativo tanto dos graos como na cor dos acios nas viñas das
comarcas do Condado, Salnés, Soutomaior e Rosal ao longo desta semana.
O persoal técnico subliña que
dado que as axencias de meteoroloxía consultadas anuncian temperaturas por riba
dos 30º ata luns continuará aumentando o grao alcólico e probablemente isto
permita adiantar a vendima nalgúns viñedos fronte ao anunciado nos avisos
anteriores (terceira e última semana de setembro).
En canto ás patoloxías, dende
Areeiro subliñan que incluso os acios de variedades máis sensibles á botrite, como
Treixadura, Godello ou Loureira están sans en xeral, pero indican que é preciso
manter a vixilancia dado que a situación pode variar se as precipitacións que
se anuncian para a semana próxima provocan un humedecemento prolongado a nivel
dos acios. No caso de necesitar aplicar algún funxicida, a técnica Rosa Pérez
lembra que aínda hai algúns que se poderían aplicar por ter menor prazo de
seguridade e/ou ser biolóxicos (ver listaxe en https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios).
Por outra banda, baixaron as
capturas de couzas do acio (Lobesia
botrana, Eupoecilia ambiguella) nas comarcas do Condado e subiron nas do
Rosal e O Salnés. É preciso lembrar que o limiar de tratamentos depende, máis
que das couzas en si mesmas, da sensibilidade da uva á botrite (3-5% de acios
con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles) polo
que se aplicou un antibotrítico non debería haber maiores problemas. Se non se
aplicou tratamento antibotrite, aínda se pode tratar a couza con insecticidas
biolóxicos (consultando aos técnicos) no caso de superarse os limiares.
A técnica responsable dos
avisos fitosanitarios de Areeiro tamén recomenda ler moi ben a etiqueta dos
produtos fitosanitarios para coñecer o prazo de seguridade e así saber cantos
días deben transcorrer entre a aplicación e a recolección. Ademais, débese
atender ás etiquetas, que informa de cales son os cultivos sobre os que está
autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como
posibles riscos.
Outros cultivos e plantas
A EFA tamén sinala, con
respecto ás maceiras, que é
necesario lembrar que as couzas da mazá poden afectar aos froitos ata o momento
da colleita e que é necesario retirar as trampas que se instalaron para a
captura das eirugas. Por outra banda, e dado que cada vez son máis as plantas
con abundantes mazás no solo con feridas e podremias, estas tamén deben ser
eliminadas para evitar que continúen o seu desenvolvemento especies de dípteros
das froitas (que cada ano son máis frecuentes na nosa zona) e que se estenda a
contaminación polos fungos oportunistas.
Sobre as patacas, dende Areeiro apúntase que algúns particulares advirten de
que os tubérculos aparentemente sans teñen no centro unha ou dúas cavidades
ovais ou en forma de estrela. Segundo Pérez, trátase dunha alteración (que
tamén ten sucedido outras campañas) causada por un desequilibrio hídrico no
crecemento do tubérculo a consecuencia da climatoloxía cambiante deste ano que
se denomina ‘corazón oco’.
Finalmente, en canto ao buxo, continúa a evolución do ciclo da Cydalima perspectalis cada vez máis
estendida en Galicia. “De feito, se ata agora sabiamos da súa presencia nas
provincias de Pontevedra e A Coruña, este ano estamos a ter numerosas consultas
tamén de Ourense”, explican. “Na nosa provincia atopamos esta semana
diversidade de situacións segundo as zonas, desde eirugas pequenas
alimentándose ata crisálidas recentemente formadas e tamén adultos”, polo que
aconsellan vixiar a situación de cada sebe ou planta en particular co obxectivo
de tratala antes de que sexa máis difícil o control destas voraces eirugas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario