O persoal técnico advirte de
que os viticultores xa teñen detectado picaduras destas avespas nos acios da variedade
de Treixadura
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de incorporar no seu último aviso fitopatolóxico unha
advertencia fronte aos danos ocasionados pola avesta asiática (velutina). O
persoal técnico sinala que os viticultores xa teñen detectado picaduras destas
avespas nos acios da variedade de Treixadura e aconsellan que as persoas tomen
precaucións durante a vendima. A EFA está a recibir, durante os últimos días, numerosas
chamadas de viticultores alertando da presenza desta vespa e dos consecuentes
danos que está producindo. Debido á inminencia da vendima e ao estendida que está,
a principal advertencia pasa por protexerse ante a súa picadura e por tomar
precaucións para minimizar as reaccións no caso de que isto ocorra.
Por
outra banda, aseguran que as choivas rexistradas durante as tormentas entre os
días 2 e 5, aínda que en xeral escasas, resultaron favorables desde o punto de
vista da calidade da uva, ao tempo que axudaron a lavar os depósitos dos
fitosanitarios aplicados máis recentemente. Ante a inminencia da vendima, que
mesmo nalgunhas fincas das comarcas máis adiantadas xa pode comezar estes días,
os viticultores están preparando as súas fincas rozando a herba, eliminando os
gromos sobresaíntes e esfollando novamente. Ante a realización deste tipo de
traballos, dese Areeiro aseguran que están observando esfollas demasiado
intensas nalgunhas parcelas.
En
canto ás patoloxías, dende Areeiro indican non se espera que estas choivas
teñan unha gran incidencia na viña. No caso do mildeu tan só teñen observado algunha mancha nova
illada nas plantas testemuña, nas fincas que levan máis tempo sen tratamentos,
e algunha tamén nas partes altas das parras que tiveron un exceso de vexetación
e a onde non chegaron os funxicidas. Porén, e atendendo ás previsións
meteorolóxicas -con ausencia de precipitacións e con tempo seco e ventos sobre
todo do norte ou do leste-, consideran que non terán ningunha incidencia. Coas estas
previsións de tempo seco tampouco esperan que o patóxeno da botrite xere
problemas. En todo caso, os técnicos lembran que hai no mercado funxicidas
biolóxicos autorizados que aínda poderían ser empregados de ser necesario.
En
canto á couza do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella) constatan que
seguen baixando as capturas en todas as fincas, e especialmente na parcela de
Goián (O Rosal), con só 8 individuos recollidos esta semana fronte aos 48 da
anterior. A pesares dito, advirten que quedan cifras bastante elevadas
nalgunhas fincas.
Ao
igual que a semana anterior, a técnica
responsable dos avisos fitosanitarios de Areeiro, Rosa Pérez, volve recomendar
ler moi ben a etiqueta dos produtos fitosanitarios para coñecer o prazo de
seguridade e así saber cantos días deben transcorrer entre a aplicación e a
recolección. Ademais, débese atender ás etiquetas, que informa de cales son os
cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e
outros datos de interese como posibles riscos.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso
fitopatolóxico.
Pontevedra, 7 de stembro
de 2018
Saúdos
Gabinete de
Comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario