Para as fincas que teñan
prevista a vendima para finais de mes, e ante a previsión de choivas débiles
para as vindeiras semanas, aconsellan prestar atención á botrite e á couza do acio posto que aínda se poderían aplicar
tratamentos biolóxicos
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de publicar o seu último aviso fitopatolóxico nesta camapña no
que destaca que a situación fitosanitaria da viña é en xeral moi boa grazas ás
condicións climáticas das últimas semanas. O persoal técnico da EFA considera
que, como era previsible á vista destas condicións climáticas, na práctica
totalidade de viñas a situación fitosanitaria en pre vendima é moi adecuada
pola ausencia de botrite. Desde Areeiro aseguran que nalgunhas fincas xa
empezou a vendima e que nas demais comezará nos vindeiros días, podendo haber
parcelas máis tardías que terán que esperar mesmo ata a última semana de
setembro.
De cara
as vindeiras semanas, e segundo diferentes axencias meteorolóxicas consultadas,
podería producirse certa precipitación entre martes e xoves e, a máis longo
prazo, para diferentes días da última semana do mes. En patóxenos como o
mildeu, e en viñas máis tardías, non se esperan danos, xa que os acios xa hai
tempo que non son sensibles ao patóxeno e, aínda aparecendo síntomas nos
órganos máis tenros, a vexetación deste ano nas viñas é máis que suficiente
para garantir a maduración.
No caso
da botrite, desde Areeiro aseguran que se viron lixeiras trazas en grans moi
illados. Lembran que a práctica ausencia desta enfermidade a finais de campaña se
debe á estabilidade climática que se está rexistrando e que, en xeral, se
manterá agás nos episodios de precipitacións, en principio lixeiras, que se
darán algunhas xornadas segundo as previsións mencionadas. Por este motivo, xa
non se esperan danos de importancia pero en caso de ser preciso, e nas viñas
que aínda non se estea realizando a vendima, se podería aplicar un tratamento
biolóxico.
A mesma
recomendación fan no caso da couza do acio, a Lobesia botrana. A pesares de que en Areeiro observan poucas
capturas (non superaron os 20 individuos/trampa e o máis frecuente foi entre 2
e 10), si constataron que en dúas fincas
do Salnés houbo un número elevado de postas (moi superior ao limiar de
tolerancia), que non só afectaban aos acios en maduración senón tamén aos
rebuscos. Aínda que consideran que parte deses ovos poden non ser viables,
nunha finca na que a vendima non está prevista ata a última semana de setembro,
recomendan que se aplique un tratamento cun insecticida biolóxico, xa que teñen
tres días de prazo de seguridade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario