O investimento per cápita previsto na provincia achégase aos 184 euros
§ Destínanse case 11 millóns de euros á continuidade da VAP Tui-A Guarda co impulso das obras do enlace co polígono de Areas
§ Introdúcese unha nova partida de 3,74M€ para arrancar as obras de urbanización da ETEA en Vigo
§ As contas recollen a achega de 13,5M€ para o inicio das obras do hospital público Gran Montecelo de Pontevedra
§ Tamén se impulsará a execución do centro de saúde de Bouzas, e os novos Centros Integrais de Saúde de Lalín e ‘Olimpia Valencia’ de Vigo
§ Tamén reservan unha partida de 7,6 M€ para a ampliación do recinto feiral Ifevi
§ Os Orzamentos destinan 10,24 M€ ao complexo intermodal de Vigo e 4,26 para as obras da intermodalidade de Pontevedra
§ Augas de Galicia disporá dun orzamento superior aos 53,72M€ co que reforzará os abastecementos vulnerables, especialmente no rural, para afrontar o cambio climático
§ Destaca o investimento de case 19 M€ nas obras de saneamento da ría de Pontevedra
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará en 2021 máis de 173 millóns de euros na provincia de Pontevedra, o que supón un investimento per cápita de 183,61 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido ao Parlamento. O Presuposto da Consellería de Infraestruturas nesta provincia medra en 2021 en case un 24%.As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de 73,67 millóns de euros.
Estas cifras permitirán continuar apostando pola vertebración territorial e intensificar o impulso da vías de altas prestacións libres de peaxes na provincia. As contas para o vindeiro ano permiten avanzar nas obras da VAP Tui-A Guarda, coa reserva de preto de 11 millóns de euros para executar o enlace co polígono de Areas e seguir progresando na tramitación dos seguintes treitos.
O proxecto de Orzamentos tamén conta cunha partida de 4 millóns de euros para a continuación da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e O Rollo, co obxectivo de rematar as expropiacións e avanzar na licitación das obras.
Introdúcese na cidade de Vigo, unha nova partida para o desenvolvemento dos ámbitos autonómicos da ETEA, cunha achega de 3,74 millóns de euros.
O Goberno galego continuará impulsando a execución do Plan de sendas da provincia, coa previsión dun orzamento de 2,72 millóns de euros; e as actuacións de supresión dos tramos de concentración de accidentes, cunha achega de 3,66 millóns de euros para o vindeiro exercicio.
A seguridade viaria segue sendo unha materia prioritaria para o departamento de Infraestruturas Xunta, que en 2021 destinará 20,15 millóns de euros ás actuacións de conservación, tanto de vialidade invernal como de reforzos de firmes nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra.
Encomendas
Este departamento da Xunta tamén executará actuacións no eido das infraestruturas sanitarias, cuxos investimentos necesarios se recollen nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.
Destaca o inicio das obras do hospital público Gran Montecelo, cunha achega de 13,50 millóns de euros. A Consellería de Infraestruturas avanzará na execución do centro de saúde de Bouzas, en Vigo (1,02M€) e os centros integrais de saúde de Vigo (Olimpia-Valencia), que conta con 1M€, e o de Lalín, con 9,2M€.
As contas autonómicas tamén dispoñen dunha partida de 7,6 millóns de euros para a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas das obras de ampliación do recinto feiral Vigo–Ifevi. Este investimento recóllese nos Orzamentos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Mobilidade
No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá o próximo ano de case 45 millóns de euros. Un total de 21,48 millóns de euros van dirixidos ao Plan de Transporte Público de Galicia nesta provincia, prevéndose a culminación da renovación integral das liñas de autobús dependentes da Xunta.
O Goberno galego prevé estender os beneficios do Transporte Metropolitano e da tarxeta Xente Nova ao conxunto da provincia.
A Xunta reserva unha partida de 10,24 millóns de euros para o complexo intermodal de Vigo e achegará 4,26 millóns de euros para o remate das obras da intermodalidade de Pontevedra.
A Xunta optimizará as infraestruturas de transporte no rural, promovendo unha rede de mobilidade segura a través de actuacións integrais, cunha partida de 4,96 millóns de euros, que suporá a mellora das paradas de autobús e a dotación de marquesiñas, así como reparacións nas estacións de autobuses.
Actuacións hidráulicas
En relación ás obras hidráulicas, Augas de Galicia contará cun orzamento de 53,72 millóns de euros, que permitirá traballar para lograr unha xestión máis eficiente e en liña coa estratexia de crecemento verde da Unión Europea. Así, reforzaranse os sistemas de abastecemento máis vulnerables, especialmente no rural, para anticiparse ao cambio climático ou á seca.
A este respecto, manteranse as axudas aos concellos para que elaboren os seu propios plans de emerxencia fronte á seca e ás comunidades de usuarios para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento.
O organismo hidráulico prevé acometer melloras de eficiencia nas redes de abastecemento e nas plantas de depuración mediante a achega de 5,36 millóns de euros.
O Goberno galego continuará apostando polo saneamento das rías, reflectíndose nas contas para o vindeiro ano a continuidade deste traballo na ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres e a construción do novo emisario submarino, a través dunha achega que suma 18,78 millóns de euros. Tamén se investirá na mellora da xestión das augas pluviais da rede de saneamento na cidade de Pontevedra, cunha partida de 510.000 euros ou na mellora do saneamento do río Lameira, en Marín, con 500.000 euros.
Tamén a ría de Arousa será obxecto de intervencións directas a través da mellora dos sistemas de saneamento e depuración en Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa e Cambados con partidas que suman máis de 2 millóns de euros.
Doutra banda, prevese un investimento de 500.000 euros na mellora do sistema de saneamento da parroquia de Teis, en Vigo.
Estes presupostos posibilitarán, ademais, acometer outras actuacións de mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento en concellos como Baiona, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Cañiza, Arbo ou Lalín.
Os investimentos da entidade hidráulica da Xunta permitirán avanzar no vindeiro ano nas actuacións deseñadas no marco dos Plans específicos para a xestión das inundacións nas áreas de risco do río Lagares, en Vigo, do río Ulla e Sar, e nas medidas para a prevención no río Umia. Tamén se desenvolveran actuacións de restauración do bosque de ribeira do río Umia ao seu paso pola Estrada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario