Hai xestos que mostran nobreza e unha humanidade inusual. Seli Martínez realizaba un destes xestos o 13 de novembro cando publicaba no Facebook do seu establecemento, Furancho Eira de Arriba, esta decisión: "quería comunicar que se algún veciño do Concello de Barro tivese a real necesidade dun prato de comida para a súa familia en especial con nenos, pode comunicarse, con antelación dun día para estar previsto, preferiblemente por privado".
O ofrecemento sen custo algún para as persoas demandantes de comida xa conta con catro familias que solicitaron a súa axuda. Seli Martínez, en declaracións á xornalista Susana Ares na Radio Galega, afirmaba que a idea xurdiu ao ter o establecemento pechado e só poder atender pedidos para levar, tal e como lles permite a normativa da Xunta de Galicia. A actividade habitual descendeu case por completo porque, sobre todo, a súa clientela procedía de Pontevedra e Vilagarcía. "Para non poder saír de casa, xa fan eles a comida na casa", di Seli para explicar que pouca clientela habitual acode para recoller comida preparada agás algúns que lle piden "bacallau á portuguesa", unha das especialidades da casa. En todo caso, ante a baixa demanda, a decisión de axudar ás persoas máis desfavorecidas presentouse como un labor solidario e necesario. "Se vas axudar, axuda cando fai falta", sentencia Seli.
"Sei que hai máis familias. Dáme apuro ir alí. Non me gusta a idea de ir casa por casa porque igual non lles gusta. A veces o que máis necesita é o que menos pide", afirma o xerente deste establecemento no seu afán de axudar a persoas que sabe que están a pasar momentos de dificultade económica nesta crise. Por este motivo, achegouse ata o Concello de Barro e comentoulle a iniciativa á asistenta social para que traslade o seu ofrecemento a todas aquelas familias sen recursos e que precisen dun prato de comida.
"Ao estar pechados, tempo temos", indica Seli ao sinalar que mesmo se non os avisan con anterioridade pódese facer a comida ao momento para quen o necesite. Tamén admite que está disposto a trasladar a comida aos domicilios que llo pidan "a min levalo aínda me parece mellor porque así ninguén se entera". Recoñece que hai persoas que non piden axuda por vergoña pero el detecta que hai veciños que estes meses están a pasalo realmente mal.
"Paréceme que debiamos facelo un pouquiño todos", explica Seli para afirmar que a iniciativa contou cun gran apoio en Facebook e que mesmo un panadeiro ofreceuse a levarlle pan se o precisaba para esta causa. "E pedireillo se me fai falta. Eu moito penso nos nenos, en facerlles uns bocatas", afirma o empresario convidando a toda a hostalería que se atope parada e poida colaborar que se some a esta actividade solidaria: "Isto non é malo", expón cunha argumentación contundente.
"Unha pota de callos faiselle a calquera" y así prepara callos, fabada, paellas completas, arroz; unha variedade de pratos con alimentos que así evita que se estraguen no almacén "Aí está a comida e nos dá o mesmo traballo facer unha cousa que outra", conclúe cun espíritu solidario contaxioso.
O Furancho Eira de Arriba atópase en Outeda, 22, en Curro (Barro) e para solicitar a comida ou apoiar esta iniciativa as persoas interesadas poden contactar a través dos teléfonos 629.831.490 ou 986.713.930.
https://pontevedraviva.com/xeral/69995/solidariedade-furancho-eira-de-arriba-barro-seli-martinez-comida/
No hay comentarios:
Publicar un comentario