A administración autonómica completa a implantación do Plan de transporte público de Galicia nesta área coa posta en servizo do último contrato que restaba
§ Das novas liñas, que suporán un investimento da Xunta de máis de 810.000 euros anuais, 14 prestarán servizos compartidos para trasladar 282 escolares e permitir aos demais usuarios beneficiarse desta modalidade de transporte
§ O novo contrato comprende a área que conforman os concellos da Illa de Arousa, Barro, Cambados, Caldas de Reis, Meaño, Meis, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa
§ A nova oferta de transporte público nesta área superará os 26.000 servizos anuais, sumando máis de 580.000 quilómetros percorridos por 19 autobuses
§ Amplíanse os horarios da liña Vilagarcía de Arousa-Hospital e increméntanse os servizos diarios, que pasan de 2 a 12, de luns a venres
§ Tamén se mellora a cobertura territorial dos servizos de transporte público da zona, grazas á integración no transporte compartido dun total de 7 liñas que atenden dous centros en Meis e outros dous en Vilanova de Arousa
A Xunta completará o vindeiro día 23 a modernización do transporte público interurbano no centro da comarca do Salnés coa posta en marcha do novo contrato deseñado ao abeiro do Plan de transporte Público de Galicia, que suporá a posta en marcha de 34 liñas que melloran os servizos e garanten o emprego de 22 condutores e 7 acompañantes.
Deste este mércores o novo contrato Centro da Comarca do Salnés bota a andar na área que conforman os concellos da Illa de Arousa, Barro, Cambados, Caldas de Reis, Meaño, Meis, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
A reordenación do esquema de liñas de autobús interurbano supón melloras na prestación dos servizos para adaptalos ás necesidades actuais destes municipios, permitindo a simplificación de rutas que compartían de xeito parcial o seu itinerario.
Deste xeito, do total de liñas, 14 prestarán servizos integrados, para atender os traslados de 282 escolares e permitir aos demais usuarios beneficiarse da modalidade de transporte compartido.
En conxunto, a nova oferta de transporte público nesta área da comarca superará os 26.000 servizos anuais, sumando máis de 580.000 quilómetros percorridos por 19 autobuses. Nestes servizos, a Xunta investirá máis de 810.000 euros anuais durante a próxima década.
Entre as novidades da posta en marcha do novo contrato está a unificación de liñas, mantendo as frecuencias que antes atendían varias rutas distintas. É o caso das antigas liñas Currás (Romai)-San Mauro-Curro abaixo e Currás (Romai)-Curro arriba-Curro abaixo. Tras a reordenación, as conexión recóllense na nova Currás (Romai)-Curro de embaixo.
Neste sentido, cabe salientar que a simplificación xerada no deseño deste contrato non reduciu, senón que respectou o número de expedicións. A excepción é a liña Vilagarcía de Arousa - Hospital, que ampliou os seus horarios e incrementou os servizos diarios de 2 a 12 de luns a venres.
Mediante a posta en funcionamento deste contrato, tamén se mellora a cobertura territorial dos servizos de transporte público da zona, grazas á integración dun total de 7 liñas que atenden dous centros en Meis e outros dous en Vilanova de Arousa. Esta modalidade permite o uso do transporte compartido polos alumnos e os usuarios xerais que precisen desprazarse desde os núcleos atendidos.
O novo contrato Centro da Comarca do Salnés completa así o deseño dunha rede de conexións que vertebra a mobilidade nesta comarca galega. Todas estas melloras son froito da atención da Xunta ás propostas realizadas polos concellos e polos operadores, co obxectivo de ofrecer un servizo adaptado ás demandas de mobilidade da cidadanía.
Un total de 19 contratos completan o mapa de transporte de Galicia
Este novo contrato forma parte dos 19 que o día 23 se poñen en servizo en toda Galicia. No seu conxunto suman 824 liñas de autobús e supoñen un investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano. Das novas liñas, 360 serán de autobús compartido e 279 contará con, polo menos, unha parada baixo demanda.
A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.
Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.
A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.
Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia
A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culmina es mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.
Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.
Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.
Datos dos novos servizos no sitio web Bus.gal.
Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.
Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.
Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.
En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.
No hay comentarios:
Publicar un comentario