A XUNTA PUBLICA NO DOG A AMPLIACIÓN DA VIXENCIA E A EXTENSIÓN AO CONXUNTO DE GALICIA EN 2021 DO TRANSPORTE GRATUÍTO DOS MENORES DE 21 ANOS COA TARXETA XENTE NOVA, CUN INVESTIMENTO DE 4 M€ - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 30 de diciembre de 2020

A XUNTA PUBLICA NO DOG A AMPLIACIÓN DA VIXENCIA E A EXTENSIÓN AO CONXUNTO DE GALICIA EN 2021 DO TRANSPORTE GRATUÍTO DOS MENORES DE 21 ANOS COA TARXETA XENTE NOVA, CUN INVESTIMENTO DE 4 M€

 

§  A iniciativa social de fomento do transporte público da Xunta permite xa viaxar de balde a case 79.500 mozos menores de 21 anos nas liñas de autobús interurbano

§  Os mozos da área da Coruña encabezan o número de tarxetas, con máis de 22.750, seguidos dos de Vigo e Santiago, que superan os 17.181 e 12.116, respectivamente

§  Na área de Ferrol hai un total de 9.595 dispositivos expedidos, na de Pontevedra 7.029, a provincia de Ourense conta con 2.678 dispositivos e Lugo con 1.400

§  A tarxeta Xente Nova estenderase progresivamente a toda Galicia, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa gratuíta no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta Xente Nova para o ano 2021, que tamén inclúe a expansión das súas vantaxes a toda Galicia, cun investimento previsto de 4 millóns de euros. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://xurl.es/2w434

A tarxeta Xente Nova é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. O pasado 1 de xaneiro ampliouse a cobertura do dispositivo ata os menores de 21 anos e, o pasado mes de xuño, a Xunta puxo en marcha este dispositivo tamén na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Na actualidade hai activas en Galicia un total de 79.496 tarxetas Xente Nova, que están a permitir aos menores de entre 4 e 20 anos viaxar de xeito gratuíto nos autobuses interurbanos da Xunta.

Por áreas de transporte metropolitano, a da Coruña encabeza o número de dispositivos, cun total de 22.753; seguida de Vigo: 17.181 e Santiago: 12.116 tarxetas. A área de transporte metropolitano de Ferrol conta cun total de 9.595 tarxetas e a área de Pontevedra con 7.029. Na provincia de Ourense hai 2.678 dispositivos expedidos e na área de transporte metropolitano de Lugo, 1.400. No resto de concellos de Galicia expedíronse un total de  6.735 tarxetas Xente Nova.

 

Vantaxes económicas do Plan de Transporte Público de Galicia

A posta en marcha de todos os contratos deseñados ao abeiro do Plan de Transporte Público de Galicia que culminaron o pasado mércores, permite estender as súas vantaxes ao usuarios de toda a comunidade. A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

 

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

 

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

 

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario