― Os cursos están abertos a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3, A1, A2 e A que desexen mellorar o control da motocicleta
― A inscrición pode realizarse desde o mércores nas webs da Axencia Galega de Infraestruturas ou da Unión de Moteros Europeos, ata cubrir as 160 prazas dispoñibles
― Cada xornada constará dunha quenda de mañá e outra de tarde, tendo cada grupo un máximo de 20 alumnos que disporán dun bloque teórico e outro práctico
― Con esta nova convocatoria, a Xunta terá ofrecido formación a máis de 800 persoas, a través dos 20 cursos desenvolvidos desde 2017 repartidos en 5 edicións
A Xunta abre este mércores o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, que se celebrarán en setembro e outubro.
Na presente convocatoria celebraranse 8 cursos gratuítos de condución segura de motos, que se impartirán en dúas quendas diarias, en Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra e San Cibrao das Viñas.
Os cursos están abertos a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3 (B máis 3 años de antigüidade), A1, A2 e A que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.
Os interesados poden inscribirse, desde o mércores ás 9 horas, ata cubrir as 160 prazas dispoñibles. A inscrición poderá realizarse a través das páxinas web da Axencia Galega de Infraestruturas, https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/seguridade-viaria/plan, ou da Unión de Moteros Europeos, https://uniondemoteroseuropeos.com/cursos-xunta/.
Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.
Ademais, debido ao contexto de pandemia da covid-19, os asistentes deberán acudir ao curso con máscara e respectar as medidas de seguridade e hixiene establecidas en cada momento polas autoridades sanitarias.
Programación
As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por cada localización, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos.
O primeiro curso terá lugar o vindeiro 25 de setembro en Ferrol, continuando o día 26 en Santiago de Compostela. O sábado, 2 de outubro, será a quenda de Pontevedra e o domingo 3 finalizarán as xornadas en San Cibrao das Viñas.
No que se refire ao contido dos cursos, cada grupo disporá primeiro dunha sesión teórica, que abranguerá temas como o equipamento axeitado, as manobras, os tempos de reacción ou a meteoroloxía adversa, entre outros.
A continuación, procederase á formación práctica, que inclúe manobras en parado, exercicios de axilidade e equilibrio, accións de freada e a realización dun itinerario completo.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dálle así continuidade os cursos gratuítos de condución segura de motocicletas postos en marcha no 2017, co obxectivo de sensibilizar na importancia da seguridade viaria e contribuír a reducir o risco de accidentes do colectivo de motoristas.
Coa celebración desta edición, a actividade formativa permitirá chegar a ofrecer, en total, formación a máis de 800 persoas, a través de 20 cursos, repartidos en 5 edicións.
Para levar a cabo estas xornadas, a Xunta conta coa colaboración da Unión de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e a Escuela Nacional de Conducción de Motocicletas (ENCM).
A seguridade viaria é unha materia estratéxica e prioritaria para o Goberno galego, e nesta liña a Consellería de Infraestruturas está a prestar especial atención aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns, ciclistas e tamén o colectivo de motoristas.
Estas medidas complétanse coa suma doutras accións máis globais, que tamén teñen importantes beneficios para a seguridade do colectivo de motoristas, como a estratexia de eliminación dos treitos existentes de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario