Luis López destaca que con estas achegas, que permiten ás entidades financiar gastos federativos, de desprazamentos ou de material entre outras cuestións, a institución provincial “segue a impulsar o tecido deportivo desta provincia”
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde definitiva ás subvencións dirixidas aos clubs da provincia que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal. A institución provincial, como destacou o presidente Luis López, repartirá un total de 620.000 € entre case 500 entidades “para seguir a impulsar o tecido deportivo desta provincia, o que xunto cos recursos dos novos Orzamentos é unha mostra do claro impulso ao deporte por parte deste Goberno”. Coas axudas aprobadas, as entidades poderán afrontar gastos federativos, de desprazamento, de persoal ou adquisición de material para participar nestas competicións.
Da citada cifra, un total de 575.000 euros repartiranse entre 480 clubs deportivos de 54 concellos de variadas disciplinas deportivas (as achegas van desde os 90 aos 2.500€), mentres que os restantes máis de 43.000 euros distribúense entre 9 clubs de fútbol de 6 concellos da provincia que compiten no grupo Sur da liga Preferente de Galicia (recibirán entre 4.150 a 5.000€).
Os clubs que se beneficiarán destas axudas abarcan todas as disciplinas deportivas, desde clubs de fútbol, balonmán ou baloncesto, ata clubs ciclistas ou de motociclismo, de pesca deportiva, esgrima, bádminton, rugby, xadrez, ximnasia rítmica, atletismo, tenis e tenis de mesa, natación, hípica, patinaxe, baile deportivo, padel, squash, montañismo, karate, kung fu, loita, judo, taekwondo, caza, bolos, petanca, halterofilia, boxeo, hóckey, pesca submarina ou esquí náutico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario