A Deputación mobiliza preto de 220.000€ para impulsar proxectos de apoio á xuventude e facer fronte ao reto demográfico - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 16 de noviembre de 2023

A Deputación mobiliza preto de 220.000€ para impulsar proxectos de apoio á xuventude e facer fronte ao reto demográfico

O Goberno provincial aproba a 6ª mobilidade do programa “Erasmus+ 2022” coa que 9 estudantes de FP viaxarán a Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal

 

Tamén contratará o deseño e impartición da formación do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra” por 150.000 euros

 

10.11.2023. A Deputación de Pontevedra continúa avanzando na implantación de diferentes proxectos para apoiar á xuventude da provincia, así como para facer fronte ao reto demográfico. Dúas cuestións que, como recordou o presidente Luis López en rolda de prensa, “suben de rango na Deputación coa creación dun novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico”. Desta maneira, a Xunta de Goberno mobilizou preto de 220.000€ en total dos que 72.000€ irán destinados á mobilidade de 9 estudantes no marco do programa “Eramus+2022” e preto de 150.000 € a facer fronte ao reto demográfico a través da contratación do deseño e impartición da formación do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”.

 

A través do programa “Erasmus+ 2022” 9 graduados en ciclo medios de Formación Profesional da provincia poderán realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Trátase da sexta mobilidade do programa, unha iniciativa financiada con fondos europeos que, neste caso, levará aos mozos a completar a súa formación en Portugal (3), Irlanda (2), Italia (2), Finlandia (1) e Malta (1).

 

Os estudantes, que iniciarán a súa mobilidade o 30 de novembro de 2023, proveñen de 9 centros educativos de  8 concellos da provincia (A Estrada, A Illa de Arousa, Caldas De Reis, Cambados, Gondomar, Ponteareas, Pontevedra e Vigo), dos ciclos de Guía no medio natural e de tempo de lecer, Formación Profesional Básica Informática de Oficina, Coidados auxiliares de enfermería, Produción agroecolóxica, Xoiaría artística, Sistemas microinformáticos e redes, Cultivos acuícolas, Actividades comerciais e Aproveitamento e conservación do medio natural. As prácticas durarán entre catro e oito meses e percibirán axudas económicas para a súa estancia que irán dos 5.458 ata os 9.504 euros, dependendo do país de destino elixido e a duración da estancia, e que van dirixidos aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transporte derivados da realización das súas prácticas no estranxeiro.

 

Reto demográfico

A Xunta de Goberno provincial tamén aprobou o expediente para adxudicar o contrato para deseñar e impartir a formación do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, que se desenvolve na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Cun orzamento de preto de 150.000 euros, a finalidade é formar no uso das novas tecnoloxías a persoas maiores de 50 anos destes concellos, co fin de que poidan realizar xestións administrativas de forma autónoma, relacionarse coas súas familias, amizadas e con outras persoas con intereses afíns, de forma que as novas tecnoloxías supoñan unha oportunidade de mellora na súa calidade de vida.

 

A empresa adxudicataria deberá, por unha parte, capacitar ata un total de 25 influencers (5 por concello) en ferramentas didácticas e pedagóxicas para a adquisición de coñecementos en novas tecnoloxías dirixidas a maiores. Tamén terán que elaborar campañas de difusión do programa para captar asistentes á formación. Encargarase despois de impartir 7 accións formativas de 5 horas en cada concello que versarán sobre a administración electrónica, o Sergas online, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos, e que incluirá asesoramento e titorías para os asistentes, así como a elaboración e distribución de material didáctico. Por outra banda, tamén se licitará a prestación dun servizo de xeración de contidos didácticas audiovisuais e de edición de experiencias audiovisuais xeradas para e polo alumnado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario