Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 30 de enero de 2017

A CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS ASEGURA QUE A XUNTA VELARÁ POLO MANTEMENTO DA CALIDADE DOS SERVIZOS FERROVIARIOS EN GALICIA E POLOS DEREITOS DOS TRABALLADORES



Ethel Vázquez respondeu a unha pregunta parlamentaria sobre os servizos de venda de billetes

§         Asegura que o Goberno galego está a facer un seguimento da reordenación das funcións dos traballadores de Adif e Renfe co obxectivo de que se garanta a prestación do servizo e se ofrezan solucións doadas para a venda de billetes
§         Destaca a aposta da Xunta pola mellora da mobilidade dos veciños do rural a través do impulso que está a realizar dos servizos de transporte á demanda

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asegurou hoxe que a Xunta velará polo mantemento da calidade dos servizos ferroviarios en Galicia e polos dereitos dos traballadores. En resposta a unha pregunta parlamentaria, asegurou que desde o Executivo autonómico se está a manter un contacto permanente con Renfe para facer seguimento do proceso de reordenación das funcións dos traballadores desta entidade e de Adif.

Ethel Vázquez asegurou que a Xunta estará “vixiante” para que se poñan en marcha medidas que garantan a prestación do servizo e para que os viaxeiros dispoñan de solucións doadas para a compra de billetes, adaptadas aos usuarios máis novos, pero tamén aos nosos maiores, menos habituados ás novas tecnoloxías.  

Vázquez Mourelle apelou ao diálogo entre as partes neste proceso que se está a levar a cabo, “para que se resolva da mellor forma posible e con consenso entre os traballadores e a empresa e que o emprego e o servizo que se lle presta aos usuarios, quede garantido”.

Lembrou que, neste marco de diálogo, hai que atopar as solucións máis axeitadas para aquelas estacións ferroviarias de Galicia que rexistran menor tráfico e onde actualmente a venda de billetes a está a facer persoal de ADIF Circulación, que ten encomendadas outras xestións.

Paralelamente, a responsable de Infraestruturas do Goberno galego indicou que  se seguirá insistindo en que se continúe buscando a mellora continua dos servizos, atendendo ás demandas dos usuarios e adaptando a oferta de prazas e horarios ás necesidades reais dos cidadáns.   

“Desde a Xunta –dixo- sempre defendimos o transporte no rural tal e como estamos facendo co impulso de servizos baixo demanda no transporte público de viaxeiros, ofrecéndolle aos cidadáns un transporte público de calidade, moderno, eficiente e atractivo, e mellor adaptado ás necesidades dos veciños”.

Remarcou que desde a Xunta se traballará, dentro das súas competencias, para colaborar e coordinar as accións nas que pode haber confluencia de competencias, como exemplo falou das estacións intermodais, que se están a impulsar nas principais cidades galegas, para conectar os distintos modos e mellorar así a calidade do transporte.

Ethel Vázquez concretou que o ADIF e os representantes dos traballadores están a abordar o trasvase ordenado do “canal de vendas presencial” das estacións que teñen persoal dedicado en exclusiva á venda de billetes, como poden ser as estacións da Coruña, de Santiago, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo ou Lugo.

O persoal de ADIF poderíase integrar en Renfe Viaxeiros, polo que sería o persoal de Renfe, quen vendería os seus propios billetes. Hoxe non se fai así, pola escisión levada a cabo en Renfe en 2005, dividíndose en Renfe e ADIF, cando se recolle a separación contable dos servizos e infraestruturas nas redes ferroviarias nacionais e europeas.

No caso de que o persoal con dedicación mixta á venta de billetes deixase de exercer estas funcións para dedicarse de pleno a funcións propias do ADIF, da xestión da infraestrutura, sempre existirían alternativas razoables para o usuario como a venda directa a bordo do tren, venda telefónica, venda por Internet, a través dos dispositivos móbiles,entre outros, como xa se está a facer, na actualidade, na maioría das estacións pequenas para optimizar os recursos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario